AD

Actualidad

Five Star Service: «Soñamos con tocar no Resurrection e compartir escenario con outros grupos galegos»

today6 junio, 2025

Fondo
share close
AD
  • A banda padronesa reivindica o hard rock americano e presenta en primicia unha balada de amor en acústico nos micrófonos de Radio Líder Santiago.

«Five Star Service» é unha banda de hard rock con raíces en Padrón que vén de conversar con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago sobre a súa curta pero intensa traxectoria. Cun ano oficialmente en activo —aínda que con formación desde 2022—, o grupo está composto por Anxo, Uxío e Roi, tres músicos novos, amigos e apaixonados dun xénero que din que «está quedando no esquecemento».

«Facemos hard rock. Loitamos por esa música que hoxe en día pouco queda. Non se tira por ese lado», explica Anxo, cantante e letrista da banda.

No programa, presentaron en primicia unha balada romántica, que interpretaron en acústico, e que formará parte do seu próximo disco, previsto para xullo. A canción, cargada de emoción xuvenil e declaracións sinceras, parte da experiencia persoal e da intensidade propia da idade.

«É unha declaración de amor. Fala diso que pensas que vai pasar… e ao final non pasa. Pero aí está, queda a canción», di Uxío entre risas.

Reivindican tamén o valor de crear música propia fronte ás versións de clásicos, poñendo en valor o traballo de composición que fan moitas bandas novas.

“O amor tamén está moi presente no hard rock”, lembran, reivindicando as formacións locais que fan temas propios, e que loitan por atopar un espazo nun panorama musical saturado de covers.

A banda combina influencias como Bon Jovi, Guns N’ Roses e o punk, coa súa propia creatividade. Todos os temas son orixinais, e defenden con forza a composición propia fronte á interpretación de versións.

«Cando fas temas teus é moito máis traballo e tamén moita máis valentía», sinala Roi.

O seu primeiro EP, “Sexo, Drogas e Rock’n’Roll”, e o single “Decisiones” xa están dispoñibles nas plataformas dixitais. Mentres tanto, ensaian onde poden —literalmente no faiado da casa dun deles— e soñan con tocar en festivais como o Resurrection Fest ou compartir escenario con outros grupos galegos.

«Queremos espremer isto ao máximo. Sacarlle todo o que poida dar», resumen con ilusión.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *