Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 junio, 2025
Sergio García, fundador de Fotowalk Galicia, conta os inicios, a paixón común que une a comunidade e os seus plans para o futuro como asociación fotográfica galega.
Fotowalk Galicia naceu como unha iniciativa modesta entre amigos hai dous anos, e hoxe xa é unha das comunidades fotográficas máis activas de Galicia. Sergio García, o seu fundador, relatou nunha entrevista con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago como este proxecto foi medrando ata converterse nun referente: «Cada día súmase máis xente. Agora mesmo somos 156 rexistrados e xa nos coñecen por toda Galicia», afirmou.
A filosofía de Fotowalk Galicia é clara: xuntar persoas apaixonadas pola fotografía, xa sexan profesionais ou afeccionadas, para descubrir a nosa terra desde novas perspectivas visuais. «A idea era montar algo moi chulo con fotos, compartir emocións a través da cámara», explica Sergio. E o éxito fala por si só: «Abrimos inscrición para a quedada de Padrón e en tres días xa non quedaban prazas». O evento, que terá lugar este sábado, incluirá a presentación de futuras quedadas e mesmo a revelación dun evento especial en outubro nas Pontes, con presenza dun profesional de Estrella Galicia.
O obxectivo inmediato do colectivo é converterse en asociación: «Queremos facer cousas máis bonitas e organizadas, xa temos os estatutos listos». Desde paisaxes ata arte urbana, como a cita do 6 de agosto en Carballo, Fotowalk Galicia segue a tecer rede por todo o país. «Somos unha piña, compartimos paixón e tamén colaboramos con outros colectivos como Mundo Dixital», subliña García, que se emociona co apoio recibido en municipios como Padrón ou Carballo, entre outros.
E por se fose pouco, tamén hai agasallos: galletas de Castañas Morriña e unha experiencia de aventura con desconto en paddel surf para os asistentes. «Nunca probei, pero estou disposto a probar. Nunca se sabe», di rindo o fundador.
O que comezou como unha idea espontánea xa é un movemento en expansión. Como resume Sergio: «Dixen: veña, imos adiante… e saíu ben, a verdade».
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)