AD

Actualidad

Fran ‘Reixa’ Villasenín: “Aínda non me creo que teño as chaves da Sala Capitol, é un soño feito realidade”

today28 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • O xestor cultural e comerciante compostelán comparte a súa visión sobre o pasado, presente e futuro deste emblemático espazo en Radio Líder Santiago

A Sala Capitol, un dos espazos máis icónicos de Santiago de Compostela, celebra este ano o seu 90 aniversario. Fran ‘Reixa’ Villasenín, un dos seus actuais propietarios, reflexionou sobre a súa conexión persoal coa cultura, a historia da sala e os retos do futuro nunha entrevista en Radio Líder Santiago.

Xunto co seu irmán Andrés e os empresarios Carlos Cobas e Santi Domíngez, fundadores de la compañía de software Mestrelab, Fran tomou as rendas deste espazo, que el mesmo describe como unha das tres mellores salas de España. “Era un soño profesional para nós. Sempre desexamos isto, e agora que o temos, queremos enchelo de vida e cultura”, afirmou emocionado.

Fran lembrou con nostalxia a súa conexión co Capitol desde a infancia, cando o lugar era un cine. “Aquí vin Regreso ao Futuro e E.T.. Incluso recordo a venda de chufas, algo que non volvín ver en Compostela”, comentou, facendo fincapé na importancia de manter viva a memoria dun lugar tan especial.

Fran ‘reixa’ Villasenín durante a entrevista

A pesar de levar meses na xestión, Fran confesa que aínda lle custa crer que teña as chaves da Capitol. “Moitas veces quedo fóra mirando a fachada, emocionado. Non me creo que estea xestionando este lugar”, comentou, con orgullo e algo de incredulidade.

Baixo a súa xestión, a Capitol volve destacar por unha programación rica e diversa, que combina concertos, teatro e outras disciplinas artísticas. Fran subliñou a aposta pola produción propia e o apoio aos artistas locais e galegos: “Queremos que as bandas galegas e locais teñan a oportunidade de tocar neste espazo tan único”.

Entre os eventos máis destacados, mencionou a presentación do disco de Marcos Col, que contará con numerosos convidados como Pedro Guerra e Jairo Zabala, así como o ciclo de teatro Ultranoites e a recuperación das Blues Nights.

Fran destacou tamén a versatilidade da sala e o seu compromiso coa accesibilidade a todos os estilos musicais e públicos: “Na Capitol ten cabida calquera estilo, agás aqueles que fagan apoloxía de ideas negativas”, subliñou. Tamén reflexionou sobre os cambios nos hábitos sociais: “Antes, quedabamos nos bares porque nos gustaba a música que poñían. Agora é diferente, pero é clave conectar co público máis novo para garantir o futuro”.

Con motivo do aniversario, o equipo está a traballar nunha nova imaxe da sala, encargada á ilustradora galega Rebeca Losada, e nunha programación especial que celebrará a traxectoria deste espazo. “A Capitol abriu en 1935 cunha película italiana chamada Casta Diva, e queremos renderlle homenaxe á súa historia con proxectos que respecten a súa esencia”, explicou Fran.

A pesar dos retos, como competir coas compras en liña na súa outra empresa, a tenda Reixa, Fran móstrase optimista: “Somos teimudos, non poden con nós”. Entre os seus desexos, confesa un que considera case imposible: “Non me importaría traer aos Rolling Stones. Sei que é complicadísimo, pero nunca se sabe”, dixo entre risas.

Ademais, destacou o seu interese en artistas como Caetano Veloso ou Divine Comedy, mantendo sempre o foco en ofrecer unha programación de calidade que mesture talentos locais e internacionais. “Cada día sigo impresionado ao ver a fachada da Capitol. É un orgullo enorme xestionar este espazo e enchelo de cultura para Compostela”, rematou emocionado.

A entrevista completa no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%