Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
“Almas Perdidas” é unha canción crúa e fría, e supón unha aposta clara polo novo son de Futuro Alcalde. O tema retrata unha realidade da que se fala pouco e que moitos atravesan en silencio: a frustración, a rabia, envoltas nunha atmosfera post-punk que remite a bandas dos 80 como Grauzone, The Cure ou Décima Víctima, ao nervio de La Élite e á crudeza das letras do rock radical vasco de grupos como Eskorbuto.
Rematou o amor e toca falar doutras persoas que non son a parella, pero que seguen estando igual de presentes. Xente que aperta ata o límite, atrapada en ciclos de noite e na que resulta difícil atopar un equilibrio entre acompañar, medrar e non perderse polo camiño. Así se entende a letra de “Almas Perdidas”, unha canción que pon palabras ao desgaste de relacións que pesan, pero das que tampouco é doado saír.
A canción foi gravada en Estudios Mans, con Fernando Alvite (Mundo Prestigio) aos teclados e Carlangas exercendo un papel de coaching para sacar a mellor versión da gravación. As caixas de ritmos, os baixos profundos e a guitarra son o sinal de identidade do artista, aínda que desta vez o sintetizador de Fer cobra máis protagonismo e deixa ver a súa influencia na escena Neue Deutsche Welle da Alemaña dos 80.
Ademais, este single está acompañado por un videoclip dirixido por Anxo Beiro, gravado nos vestiarios do campo de fútbol de Louro e no de San Pedro de Vilanova (concello de Vedra), o cal estrearase despois do lanzamento.
O artista ten confirmadas varias datas polo circuíto de festivais de 2026, aínda que o único anunciado é o FIV de Vilalba 2026, que se celebra o 23 e 24 de abril.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)