AD

Actualidad

Gabriel Alén: “O gran reto do comercio galego é atraer á xente nova e adaptarse á dixitalización”

today26 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O director xeral de Comercio e Consumo repasou en Radio Líder as medidas do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, as liñas de axuda, diferentes campañas de dinamización comercial, os premios ao comercio galego e a promoción da artesanía

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, repasou en Radio Líder Santiago os principais retos e iniciativas para o sector, no marco do Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, aprobado en marzo cun orzamento global de 320 millóns de euros.

Segundo explicou, o plan naceu tras escoitar a preto de 300 representantes de asociacións, cámaras de comercio, prazas de abastos e consumidores, co obxectivo de trazar unha folla de ruta con 74 medidas centradas en tres eixos: a modernización e competitividade dos negocios, a visibilización do comercio local e a cooperación interinstitucional. “O comercio dá vida ás nosas cidades e vilas, pero afronta grandes dificultades. Non podemos competir cun negocio 100% en liña, pero debemos atraer á xente nova e mellorar a experiencia de compra”, destacou Alén.

Retos do sector

O director xeral salientou que Galicia conta con máis de 32.000 comercios, que xeran máis de 100.000 empregos, pero que afrontan cargas impositivas elevadas, alugueiros encarecidos, falta de relevo xeracional e a forte competencia da venda en liña. “O gran reto é adaptarse á dixitalización e captar a atención da mocidade, que merca case todo por internet”, afirmou.

Axudas unificadas para a modernización, dixitalización e sostibilidade

Alén explicou que a Xunta decidiu simplificar e unificar nunha soa orde anual todas as liñas de apoio ao comercio, que ata 2024 estaban dispersas en programas distintos. “O que fixemos foi facilitar a solicitude aos comerciantes, reunindo nunha única convocatoria todo o que poidan precisar para mellorar a súa competitividade”, subliñou.

A nova orde mobilizará preto de 4 millóns de euros cada ano e permitirá financiar melloras en tres ámbitos:

  • Modernización dos locais, como reformas, equipamento ou mobiliario.

  • Ferramentas dixitais, que inclúen pantallas, xestión de redes sociais, deseño de páxinas web e proxectos de comercio electrónico.

  • Sostibilidade ambiental, con accións de eficiencia enerxética e packaging respectuoso co medio ambiente.

Unha das principais novidades é a posibilidade de financiar memorias técnicas elaboradas por especialistas, que analizarán cada comercio e orientarán sobre os apoios máis axeitados. “Queremos que os comerciantes teñan un diagnóstico claro e aproveiten ao máximo as axudas dispoñibles”, sinalou.

A convocatoria está prevista para finais de decembro ou comezos de xaneiro, polo que Alén animou ao sector a prepararse con tempo.

Como complemento, a Dirección Xeral organiza o 17 de outubro a xornada «Impulsando co comercio galego: innovación, dixitalización e experimentación» que terá lugar no GaiásTech, en Santiago, con prazas para 120 persoas e retransmisión por streaming.

O encontro ten como obxectivo poñer en valor as transformacións que están a experimentar os negocios locais en Galicia e contará con  mesas de casos de éxito, espazos de demostración tecnolóxica, talleres prácticos e zonas de networking para compartir experiencias.

Atraer á mocidade ao comercio local

Outro dos piares é achegar o comercio local á xente nova. A Xunta impulsa campañas como ‘Localízate’, con actividades en centros educativos e xincanas en prazas de abastos e rúas comerciais, que este curso se ampliará a sete cidades galegas.

Tamén promove a Feira de Emprendemento en Lugo e Vigo, dirixida a alumnado da ESO, para que os rapaces creen e vendan os seus propios produtos na rúa.

Alén puxo en valor o bono Activa Comercio, que mobilizou 35 millóns de euros en 2024, e outras campañas como ‘Merca no teu comercio’, dirixida tanto a concellos rurais como a barrios urbanos sen asociación de comerciantes, co obxectivo de dinamizar zonas con menor actividade. “Os bonos son unha excusa para que a xente nova entre no comercio local. Despois, depende dos negocios fidelizar ese cliente con melloras constantes”, apuntou.

Premios ao comercio galego

O director xeral lembrou que hoxe venres remata o prazo para presentar candidaturas aos Premios do Comercio Galego, que recoñecerán boas prácticas en cinco categorías: sustentabilidade ambiental, relevo xeracional, emprendemento, traxectoria e dinamización comercial. “Non é unha cuestión de cantidade, senón de calidade. Animamos a todos os comercios a participar antes de que peche o prazo”, subliñou.

Artesanía galega

A entrevista abordou tamén a promoción da artesanía, “a nena bonita” da Dirección Xeral, segundo Alén. Destacou iniciativas como ‘Artesanía no prato’, que recentemente levou a Lisboa a chefs galegos e portugueses xunto con artesáns, e a feira ‘Artesanamente’, celebrada en Santiago.

Tamén salientou o papel dos Pendellos da Golada, que cualificou como “o corazón da artesanía galega”. “A artesanía galega conserva a tradición, pero cunha visión contemporánea que está triunfando nos mercados internacionais”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *