AD

Actualidad

Galicia di “basta” ás peaxes da AP-9 e reclama o rescate da autoestrada e a súa gratuidade

today12 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • A campaña “AP-9 Nosa e de balde”, impulsada pola UCGAL, denuncia subas superiores ao 25 % desde 2022, beneficios empresariais millonarios e unha concesión prorrogada ata 2048 cuestionada pola Comisión Europea.
  • A iniciativa reclama o traspaso da autoestrada a Galicia, o rescate da concesión e a anulación das subas abusivas, abrindo un horizonte real de gratuidade.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

Consello Económico e Social de Galicia (CES) acolleu esta mañá en Santiago de Compostela a presentación pública da iniciativa “AP-9 Nosa e de balde”, unha campaña impulsada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) para reclamar ao Goberno do Estado o traspaso da titularidade da autoestrada AP-9 a Galicia, o rescate da concesión actual e a eliminación progresiva das peaxes na principal infraestrutura viaria do país.

No acto participaron representantes da administración autonómica e local, así como do tecido social, económico e cultural galego. Entre as autoridades presentes estivo Manuel Pérez Álvarez, presidente do Consello Económico e Social de Galicia, quen participou na apertura da xornada.

O secretario xeral da UCGAL, Miguel López, advertiu de que a AP-9 se converteu nun símbolo de discriminación territorial, ao manter un sistema de peaxes crecente nunha infraestrutura esencial para Galicia e sen alternativas reais para miles de persoas usuarias.

Segundo explicou, a persistencia das peaxes na AP-9 non responde a unha fatalidade económica nin a unha imposición técnica, senón a decisións políticas adoptadas ao longo do tempo. “Galicia non pide privilexios; pide o mesmo trato que xa recibiron outros territorios do Estado”, afirmou.

Unha das autoestradas máis caras do Estado

A AP-9 é o principal eixo viario de Galicia e soporta o maior volume de tráfico de todas as autoestradas do Estado. Segundo os datos máis recentes, supera os 2.130 millóns de quilómetros percorridos nun ano e presenta unha intensidade media superior aos 26.500 vehículos diarios, con cifras moito máis elevadas nos tramos metropolitanos.

A pesar desta elevada utilización, as tarifas continúan aumentando. Só desde o ano 2022, as peaxes acumulan un incremento superior ao 25 %, moi por riba da evolución do custo da vida en Galicia.

Este incremento responde á aplicación do sistema de revisión anual das tarifas previsto no contrato concesional, que incorpora diferentes compoñentes adicionais ao IPC, incluíndo mecanismos de compensación, recargas vinculadas ao financiamento de obras ou reequilibrios económicos do contrato.

Beneficios empresariais elevados

Mentres as peaxes continúan aumentando, a concesionaria AUDASA mantén beneficios elevados e recorrentes. Nos últimos exercicios, o beneficio neto situouse arredor dos 85-90 millóns de euros anuais, cun incremento significativo respecto a anos anteriores.

Segundo os datos expostos durante a presentación, esta rendibilidade resulta especialmente significativa nunha infraestrutura que xa amortizou o investimento inicial hai décadas e que continúa xerando elevados ingresos.

Ademais, estímase que o mantemento das peaxes na AP-9 detrae da economía galega máis de 150 millóns de euros ao ano, recursos que poderían destinarse ao consumo e á actividade económica do territorio.

Unha concesión cuestionada pola Unión Europea

Outro dos elementos centrais do debate é a prórroga da concesión ata o ano 2048, aprobada no ano 2000.

En xullo de 2025, a Comisión Europea emitiu un ditame motivado dentro dun procedemento de infracción contra o Reino de España ao considerar que esa ampliación podería vulnerar o Dereito da Unión Europea ao tratarse dunha modificación substancial da concesión sen nova licitación pública.

Segundo a tese de Bruxelas, unha ampliación dun contrato desta magnitude debería ter sido sometida a concurso público, polo que a legalidade da prórroga está agora baixo análise.

Galicia, unha excepción no proceso de liberalización

Desde o ano 2018, o Goberno do Estado iniciou un proceso de liberalización de autoestradas tras finalizar as súas concesións, o que permitiu liberar máis de 1.000 quilómetros de vías de peaxe en territorios como Cataluña, Aragón, Andalucía ou Levante.

Galicia, pola contra, quedou fóra deste proceso, mantendo unha concesión prorrogada e un sistema de peaxes crecente. Para a UCGAL, esta situación supón un agravio territorial que encarece a mobilidade das familias galegas e aumenta os custos loxísticos das empresas.

Ademais, segundo se destacou durante a presentación, a liberación das peaxes podería contribuír tamén a mellorar a seguridade viaria, ao favorecer o traslado de tráfico desde estradas convencionais —con maior sinistralidade— cara á autoestrada.

Un investimento rendible para Galicia

Durante a presentación tamén se explicou que o rescate da concesión non sería necesariamente máis custoso que manter o modelo actual, xa que o Estado xa destina importantes recursos a bonificacións e compensacións vinculadas ao contrato ata o final da concesión.

Segundo os impulsores da iniciativa, rescatar a autoestrada permitiría redirixir estes recursos cara á liberación da vía e ao interese público, ademais de reducir custos para a cidadanía e mellorar a competitividade económica do territorio.

As tres demandas da iniciativa

A iniciativa “AP-9 Nosa e de balde” articúlase arredor de tres reivindicacións principais dirixidas ao Goberno do Estado: o traspaso inmediato da titularidade da AP-9 a Galicia, en coherencia coa vontade expresada polo Parlamento galego; o rescate da concesión actual, co obxectivo de poñer fin a un modelo que continúa garantindo elevados beneficios privados nunha infraestrutura xa amplamente amortizada; e a anulación das subas abusivas das peaxes, abrindo ademais un horizonte real de gratuidade para unha vía considerada esencial para a mobilidade e a cohesión territorial de Galicia.

Chamamento ao apoio social

No marco desta iniciativa tamén se puxo en marcha unha campaña de recollida de apoios a través da plataforma Change.org, co obxectivo de sumar o respaldo da cidadanía a estas reivindicacións e trasladar ao Goberno do Estado a existencia dun amplo consenso social en Galicia sobre a necesidade de revisar o modelo actual da AP-9.

A campaña busca mobilizar á sociedade galega e dar visibilidade a unha demanda que os promotores consideran compartida por unha ampla maioría da cidadanía.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *