Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2024.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, asinou este domingo o decreto de nomeamento dos membros do Executivo, que quedará conformado do seguinte xeito.
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes | Diego Calvo Pouso |
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático | Ángeles Vázquez Mejuto |
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional | Román Rodríguez González |
Consellería de Política Social e Igualdade | Fabiola García Martínez |
Consellería de Economía e Industria | María Jesús Lorenzana Somoza |
Consellería de Facenda e Administración Pública | Miguel Corgos López-Prado |
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas | María Martínez Allegue |
Consellería de Sanidade | Antonio Gómez Caamaño |
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude | José López Campos |
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración | José González Vázquez |
Consellería do Medio Rural | María José Gómez Rodríguez |
Consellería do Mar | Alfonso Villares Bermúdez |
CURRÍCULOS DOS NOVOS CONSELLEIROS E CONSELLEIRAS
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes: Diego Calvo Pouso
Naceu en San Sadurniño no ano 1975. Licenciado en Ciencias Económicas (especialización en Facenda Pública e Sistema Fiscal) na USC. Máster en Desenvolvemento Local e Comarcal.
Traballou como axente de desenvolvemento local en Ferrol e foi administrador de empresa familiar.
Foi elixido por primeira vez deputado autonómico en febreiro do ano 2003, e mantivo o escano ata o 2005 (VI Lexislatura) e tamén desde o 2005 ata o 2009 (VII Lexislatura). Nese ano foi nomeado delegado territorial da Xunta na provincial da Coruña e no 2011, sendo concelleiro en Ferrol, foi elixido presidente da Deputación da Coruña, cargo que desempeñou ata 2015, momento en que regresou á Delegación da Xunta.
Tras unha nova etapa no Parlamento de Galicia como vicepresidente primeiro da Mesa e voceiro da área de Infraestruturas e Mobilidade (2016-2022), é ata hoxe vicepresidente 2º e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.
No período 2009-2013 foi presidente do Consello de Administración de Xestur na Coruña e formou parte tamén dos Consellos de Administración das Autoridades Portuarias de Ferrol e A Coruña.
Entre os anos 2006 e 2009 foi vicesecretario xeral do PPdeG, e entre o 2008 e o 2016 desempeñou as funcións de secretario xeral no Partido Popular da provincial da Coruña, que preside dende o ano 2016.
No Partido Popular nacional, foi secretario territorial entre os anos 2018 e 2022. Actualmente é o presidente do Comité Electoral Nacional.
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático: Ángeles Vázquez Mejuto
Naceu en Melide en 1972. Acadou a Licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Xeografía Aplicada. Ademais é técnica en Información e cultura.
Foi alcaldesa de Melide desde o ano 2011 ata 2016, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e 2007.
No ámbito municipal, previamente ás súas responsabilidades como rexedora, foi concelleira de Cultura, Deportes e Medios de Comunicación.
Tamén foi deputada provincial na Coruña entre 2007 e 2009 e, posteriormente, deputada no Congreso dos Deputados por esa mesma provincia.
Na súa traxectoria profesional tamén ten experiencia xornalística, como directora da radio municipal melidense e como correspondente en medios de comunicación.
Desde outubro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleira do Medio Rural e, desde ese ano, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional: Román Rodríguez González
Naceu no Vento, Lalín, en 1968. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario. Doutor en Xeografía, é máster en Desenvolvemento Local, foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.
Autor dunha ducia de libros e coautor doutras case vinte publicacións da súa especialidade, amais de ter participado en corenta libros colectivos, Román Rodríguez dirixiu másteres e cursos de posgrao vinculados coa temática do ordenamento territorial en varias universidades.
Foi galardoado, ademais, co Premio da Crítica de Galicia (2000), no eido da investigación.
En 1999 foi elixido concelleiro polo PP en Lalín, con responsabilidades en Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo, Desenvolvemento Local e Portavocía.
Nas eleccións de 2009 obtivo acta como deputado autonómico para ser designado posteriormente vicevoceiro do Grupo Popular e voceiro nos eidos de Educación, Urbanismo e Ordenación do Territorio.
Desde febreiro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Foi conselleiro de Cultura e Turismo desde setembro de 2018 ata setembro de 2020. Actualmente é conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Conselleira de Política Social e Igualdade: Fabiola García Martínez
Naceu en Ribeira en 1985. É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.
Desde xuño de 2015 foi primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira, ademais de concelleira delegada de Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Promoción e Dinamización Económica e Cultura.
Ao longo da súa carreira profesional formou parte dos gabinetes das consellerías de Facenda, Economía e Industria e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Con anterioridade, traballou en prácticas no departamento de Dereito Fiscal nun despacho de avogados.
Como formación complementaria, é máster en Dereito Empresarial polo Centro de Estudios Garrigues e diploma en EAP (English for Academic Purposes) pola University College London.
Desde decembro de 2016 ata setembro de 2018 foi directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellería de Política Social.
Conselleira de Economía e Industria: María Jesús Lorenzana Somoza
Naceu na Coruña en 1981. Licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña en xuño de 2004. Curso Superior de Dereito Autonómico polo Instituto de Dereito Público de Barcelona. Certificado CAE de inglés pola Universidade de Cambridge e de francés B1 pola Alianza Francesa.
Entra a formar parte da escala de Letrados da Xunta de Galicia por oposición en maio de 2007. Ocupa diversos postos como letrada na Asesoría Xurídica da Xunta, entre eles, na asesoría xurídica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
Desde novembro de 2011 ata febreiro de 2013 ocupa o posto de asesora xurídica da Presidencia da Xunta.
En febreiro de 2013 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar.
En outubro de 2015 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
En outubro de 2018 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural.
En setembro de 2020 é nomeada conselleira de Emprego e Igualdade. Actualmente é conselleira de Economía, Industria e Innovación
Conselleiro de Facenda e Administración Pública: Miguel Corgos López-Prado
Nado na Coruña en 1971, é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña, na especialidade de economía financeira. Ademais, conta cun Posgraduado en Auditoría de Contas e un Mestrado en Administración Financeira e Tributaria pola mesma universidade.
Desde o 2001 pertence á Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia na especialidade de Intervención-auditoría e na de Inspección e xestión financeira e tributaria.
Desde o 2021 é conselleiro de Facenda e Administración Pública. Previamente exercía como director xeral de Planificación e Orzamentos na Consellería de Facenda e Administración Pública. Anteriormente, foi subdirector xeral de Control Financeiro Permanente na Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e subdirector xeral de Control Orzamentario de Gasto na Dirección Xeral de Orzamentos.
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas: María Martínez Allegue
Pontevedresa de 46 anos, é licenciada en Dereito e funcionaria de carreira de administracion local con habilitación de carácter nacional, na subescala de secretaria-intervención.
Exerceu como secretaria-interventora no Concello de Lousame, secretaria nos Concellos de Tui e Mos e tesoureira no Concello de Marín.
Entre 2010 e 2015 foi directora xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), entre 2015 e 2023 xefa de área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra e entre 2023 e 2024 xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra.
Desde as últimas eleccións autonómicas, é deputada no Parlamento de Galicia pola provincia de Pontevedra.
Conselleiro de Sanidade: Antonio Gómez Caamaño
Nado en Ferrol en 1962, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Oviedo e especialista en Oncoloxía Radioterápica. Desde o 2013 é xefe de servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, servizo no que levaba traballando desde o ano 2000. Entre 2021 e 2023 foi presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica.
A súa actividade asistencial e investigadora céntrase no cancro xenitourinario, no de pulmón e na radioxenómica. Ten publicados máis de 100 artigos en revistas científicas indexadas, 25 capítulos e máis de 200 comunicacións e pósters en congresos nacionais e internacionais.
É profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela, docente en cursos en varias universidades españolas e poñente en 250 eventos científicos.
Participou tanto dentro do Sergas como a nivel nacional no desenvolvemento de vías clínicas, guías clínicas, documentos de consenso e plans estratéxicos.
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude: José López Campos
Naceu en 1974 na Estrada.
Directivo no sector da banca, a súa traxectoria política comeza en 2003 ao ser elixido concelleiro na Estrada e ocupar os cargos de concelleiro de Industria e Comercio e tenente de alcalde. Nas eleccións municipais de 2011 encabezou a candidatura do PP e foi elixido alcalde da Estrada por maioría absoluta, resultado que revalidou nas convocatorias de 2015 e 2019.
Neste tempo tamén foi deputado no Parlamento de Galicia entre 2009 e 2011 e deputado provincial entre 2011 e 2015 e a partir de xullo de 2019.
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración: José González Vázquez
Naceu en Ourense en 1970. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1997, ingresou no corpo superior de inspectores de Facenda do Estado, especializado en inspección financeira e tributaria e aduanas e impostos especiais.
Foi vogal nato do comité e do pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo desde 2009 a 2014; e representante da aduana española en diferentes comités de reforma do código aduaneiro comunitario en 2009. Ademais de membro de diferentes comisións da Autoridade Portuaria de Vigo para a coordinación dos controis do comercio exterior; profesor asociado do departamento de Dereito Financeiro, na Universidade de Vigo, desde 2002 a 2006; e docente especialista en materia de imposto sobre o valor engadido e comercio exterior e en contabilización de impostos.
Desde 2016 ata 2018, José González Vázquez foi deputado no Parlamento de Galicia, onde desempeñou funcións como: voceiro de Medio Rural do GPP; membro da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; membro da Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos; vicepresidente da Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas e membro da Comisión Especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia.
Desde 2018 ata hoxe foi conselleiro do Medio Rural.
Conselleira do Medio Rural: María José Gómez Rodríguez
Naceu en Pradedo de Abaixo, Guntín (Lugo) en 1976. Licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades, desde 2008 é profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés.
Desde 2019 é alcaldesa de Guntín e, despois das eleccións xerais de xullo de 2023, senadora pola provincia de Lugo.
Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.
Conselleiro do Mar: Alfonso Villares Bermúdez
Naceu en Cervo en 1970. É licenciado en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre 1996 e 2007 exerceu profesionalmente como veterinario.
Desde 1995 é concelleiro do PPdeG en Cervo, con responsabilidades de goberno desde 1999 e como alcalde desde as eleccións municipais de 2007, cando obtivo unha maioría absoluta que revalidou nas eleccións municipais de 2011, 2015, 2019 e 2023.
Tamén foi vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias. Desde 2023 é conselleiro do Mar.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)