Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 septiembre, 2025
O Festival Maré de Santiago convértese esta fin de semana no epicentro da diversidade cultural e musical. Entre as súas citas destaca o concerto de Germán Díaz e Benxamín Otero, que, acompañados pola cantante india Vidya Shah, presentan este sábado 27 de setembro ás 18:00 horas na Igrexa da Universidade o disco Outras trece cancións bonitas.
O traballo, gravado na Capela de Santa María de Lugo, combina cancioneiros galegos, casteláns e suecos con melodías actuais, creando un diálogo único entre tradicións. No escenario estarán tamén Noemí Basanta, Roberto Rodríguez e Pablo Pascual, que participaron na gravación do álbum.
Durante unha entrevista en Radio Líder, Germán Díaz explicou que a idea xorde de escoller cancións que, simplemente, consideran fermosas: “O fío é un pouco persoal. Son cancións que nos gustan, melodías que atopamos en cancioneiros ou que xurdiron en viaxes, como na India. Ao final, moitas das emocións que transmite a música tradicional son comúns a todas as persoas”.
“Son cancións que nos gustan, que consideramos fermosas. No disco anterior chamábase Trece cancións bonitas e este, simplemente, Outras trece. Hai melodías de cancioneiros suecos, galegos, casteláns e tamén achegas de Vidya Shah, que coñecemos na India. O bonito do proxecto é que ela dialoga coas cantigas galegas, reinterpretándoas en hindi con melodías tradicionais da India”.
O músico, vallisoletano afincado en Lugo e recoñecido como un dos grandes revitalizadores da zanfona en Europa, subliñou tamén o bo momento do instrumento: “Agora mesmo a zanfona ten unha nova vida. Hai cada vez máis escolas en Galicia e mesmo nenos que tocan con paixón o instrumento. En Lugo temos luthieres de referencia mundial e quero que a cidade sexa a capital da zanfona”.
O concerto no Festival Maré será a primeira presentación oficial do disco, que conta cunha edición especial en vinilo. Díaz adiantou que o público poderá gozar dun repertorio variado no que dialogarán cantigas galegas con melodías tradicionais da India e tamén se incluirán pezas populares e contemporáneas: “O bonito é ese encontro entre culturas. Vidya reinterpretará cantigas galegas en hindi, acompañada de melodías tradicionais da India. Será un concerto cheo de eclecticismo, no que convivirán dende unha muiñeira ata un cuplé dos anos vinte”.
As entradas, a un prezo de 10 euros, están dispoñibles a través desta plataforma.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)