Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 junio, 2024
O Monbus Obradoiro presentou ao que será o seu primeiro adestrador na tempada 2024/2025. Gonzalo Rodríguez compareceu, por primeira vez, ante os medios arroupado polo presidente do club, Raúl López, e o director xeral, Héctor Galán.
O novo técnico do Monbus Obradoiro amosouse encantado do novo rol que ocupará: “Quero transmitir o meu sentimento principal que é agradecemento para as persoas que decidiron confiar en min para este reto que temos por diante, para os adestradores e xogadores cos que traballei durante a miña traxectoria, e, por suposto, á miña familia, que me apoia diariamente. Síntome moi ledo de ser adestrador deste equipo. Teño moita ilusión de que a xente que veña a ver ao seu equipo se sinta moi orgullosa. Creo que o baloncesto, como deporte, é un xerador de ilusión. Son unha persoa que todo o que conseguiu na vida fíxoo a través de traballo moi duro e quero que se reflicta na pista. Quero un equipo que emocione e ilusione, e que así alcance o obxectivo marcado”.
Tamén sinalou que “isto é un soño feito realidade. É coñecida a miña historia de amor con este club, a de miña familia e o meu pai. Para min isto é o máximo: ser capaz de ser o adestrador como unha parte de, como di o nome, o Club Amigos de Baloncesto. Creo que o máis importante son as persoas e debo coidar da xente que está ao meu redor. Entre todos apuntamos á segunda parte: ‘Todos Xuntos, Obra’. Iso é fundamental. Todos debemos ter claro que o Obra é de todos, dos xogadores, corpo técnico, adestradores, xente que traballa na sombra no club, Consello de Administración, afeccionados e xornalistas. O Obra é da cidade, dos rapaces da canteira e as súas familias. É algo moi grande, e non me vexo como adestrador de baloncesto neste club, senón como unha persoa responsable de transmitir uns valores que fan deste club algo especial”.
O presidente do Consello de Administración, Raúl López, destacou os aspectos persoais e profesionais do novo adestrador: “Todos coñecemos ao noso Gonzalo. Estivo os últimos catorce anos vinculados ao club, é un home da casa, naceu en Santiago e por ilo estamos convencidos de que representa os valores deste club e da cidade. Atesora as características de traballo, humildade, lealdade e coñecemento profundo do baloncesto despois dunha dilatada carreira profesional. Foi a conclusión á que chegamos para determinar que un home da casa sexa a mellor opción. El coñece a casa e nós coñecemos a súa implicación nestas últimas tempadas. Fixo un traballo importante dende a discreción, e cunha dedicación e un grado de compromiso moi alto. Chegoulle o momento e a oportunidade. Ten un alto coñecemento técnico e táctico, unha gran capacidade de comunicación cos xogadores, co corpo técnico, a directiva e os empregados do club. A afección acolleralle con cariño. Ten, ademais, unha forma de entender o baloncesto co seu selo e estilo propio. A súa liga foi a ACB, pero iso non quere dicir que non coñeza a Primeira FEB, que é unha liga moi dura. Ten estudiados aos xogadores, os equipos e aos adestradores desta liga. É unha persoa traballadora, tranquila e ligada ao club. É, tamén, un referente de Santiago, un adestrador da casa”.
O director xeral, Héctor Galán, eloxiou, tamén, a figura do novo adestrador: “Súmome á ampla exposición de motivos para a elección de Gonzalo. Felicítolle. Agora compartimos un reto complicado pero moi ilusionante. Era a primeira pedra que queríamos ter. El entendeu dende o primeiro momento como debía ser o proxecto e que tiñamos que facer para desenvolver unha boa competición. Deséxolle o mellor, e póñome á súa disposición para empezar a traballar na confección do corpo técnico e a plantilla”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)