Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 julio, 2025
Redacción, 15 de xullo de 2025.- En Santiago, en directo e de vacacións a medias, Juan Fuentes sentou no estudio de Radio Líder Santiago para conversar con Álvaro Veiga sobre o presente e o pasado dunha carreira tan brillante como inesperada. Co seu característico humor afable e mirada analítica, o presentador de programas como Quen anda aí ou o recente fenómeno de audiencia Bailamos Celebrity repasou unha vida profesional marcada por casualidades que remataron por definir a súa paixón polos medios.
“Acabei en comunicación audiovisual por un erro na matrícula. Quería ser mestre de música. Pero foi o destino”, explica o comunicador, engandido que este erro tivo lugar despois dunha noite de festa pola capital galega.
Así comeza o relato dun Juan Fuentes que non quería saír en cámara, e hoxe é unha das caras máis recoñecibles da Televisión de Galicia. A súa chegada ao mundo audiovisual foi, segundo explica, por accidente. “Confundínme facendo a matrícula. Fun meter Pedagoxía e metín Comunicación Audiovisual. E como non podía voltar atrás, pois dixen: ‘Acabo isto e despois xa volto á música’”, relatou.
Porén, esa entrada accidental converteuse nun camiño irreversible: “Foron as prácticas na Radio Galega coas que me namorei. Deixáronme coller un micro e contar historias. E iso marcoume para sempre”.
Fuentes destaca actualmente como o conductor do programa Bailamos Celebrity, que se emite en horario de máxima audiencia nas noites dos domingos na TVG, e que leva dúas emisións sendo trending topic a nivel estatal. “Cada vez que emitimos, competimos con partidos de fútbol, películas, realities… e aí estamos, entre os máis comentados”.
A explicación? Para Juan, hai dous factores clave: o compromiso dos participantes e a conexión co público. “Están facendo un traballo brutal. Non están a improvisar. Ensaian, preparan, teñen nervios… e iso transmítese na pantalla. Están a expoñerse ante o xurado, ante o público, ante os haters, e iso require moita valentía”.
O programa non é só un concurso de baile, senón unha mestura de personalidades de distintos mundos –presentadores, actores, influencers– con estilos e enerxías distintas. “Hai xente como Luís Iglesia, Eva Iglesias, Roi Méndez, Noelia Rodríguez… todos veñen con perfís distintos, pero cun nivel de implicación altísimo”, sinalou.
E recoñece que, malia non ser moi usuario das redes sociais (“Son un dinosaurio analóxico”), está sorprendido co eco que o formato está tendo online: “Moita xente que nin coñecía a TVG estase achegando ao programa por TikTok ou Instagram”.
Un dos aspectos máis interesantes da entrevista foi a visión de Fuentes sobre o valor do directo na televisión actual. “O futuro está no directo. A oferta gravada xa é enorme, pero o directo ten esa cousa máxica de que pode pasar calquera cousa”.
No seu programa diario Quen anda aí, leva máis de catro anos facendo fronte a esa inmediatez con naturalidade. “É un magazine punky”, di, “porque imos ás veces contra a escaleta, improvisamos, abrimos espazo a cousas imprevistas. Un día temos un urólogo, outro día aparece un home que perdeu unha vaca en directo, e tempo despois atopámola… sempre estamos conectando co que pasa en Galicia”.
E se algo deixa claro, é que non entende o seu traballo en solitario. “A min o que me gusta é estar rodeado de xente. Todo o que fago é por levantarme pola mañá e compartir o día. É coma volver ao colexio, ter pandilla”.
Malia a súa popularidade como presentador, Juan nunca deixou de lado a música. “Sigo formando parte da banda Balbina, experimentei con Celebration e con Continuation (formatos teatrais encabezados por Roberto Vilar). A música sempre me chama. Se puidese escoller unha vida, sería como músico”, afirmou.
Confesa tamén que non consume moita televisión, pero que se tivese que escoller un formato ideal para presentar sería un que combinase viaxes, comedia e autenticidade: “Un programa de trens, ou un docureality por sitios estraños. Encantaríame algo tipo Caiga Quien Caiga, que de feito cheguei a probar sorte nun casting antes de que cancelaran a volta”.
A conversa rematou cunha reflexión sobre a fama: “A min non me molesta que me coñezan pola rúa. Sempre me tratan ben. Dinme cousas bonitas ou críticas construtivas. A maioría vén como quen se atopa cun familiar, e iso é fermoso”. “O éxito real é poder traballar moito no que che gusta. E rodearte de xente coa que te sintas ben”.
E tamén fixo un chamamento a que a TVG siga sendo un espello da identidade galega: “Temos que seguir sendo unha extensión dos salóns da xente. A televisión galega ten que ter alma galega, sen complexos”.
Coa súa naturalidade, humor e unha capacidade innata para conectar coa audiencia, Juan Fuentes consolidouse como un dos rostros máis queridos da televisión galega. Tanto é así que este mesmo ano recibiu o premio Mestre Mateo ao Mellor Comunicador de Galicia. Un recoñecemento, non só a súa traxectoria e presenza en pantalla, senón tamén a súa esencia: un comunicador que transmite verdade, humanidade e paixón por contar historias dende Galicia e para Galicia.
A entrevista pechouse coas orixes: “Son de Santiago, das casas baratas, pero a xente sempre pensou que era da Barbanza, porque pasei moitos veráns en Boiro, Cabo de Cruz, Ribeira…”, explicou entre risas. “Pero o meu recuncho favorito é Mazarelos. Crieime alí, xogando ao balón, entre estudantes e imprentas. É unha parte moi especial de min”.
Escrito por Líder Redacción
bailamos celebrety galicia juan fuentes presentador quen anda ai TVG
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)