Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 febrero, 2025
No corazón do Centro Comercial Bergantiños, en Carballo, a Cervecería Delicias converteuse nunha referencia para os amantes dos bos almorzos, as tapas e as hamburguesas especiais. O establecemento, que naceu coa intención de ofrecer un servizo de calidade e un ambiente acolledor, está a piques de cumprir o seu primeiro ano de vida. Para celebralo, a súa propietaria, Iris Brandón, anuncia unha sorpresa especial: “O xoves teremos algún que outro sorteo para os nosos clientes, así que estade atentos”.
Desde primeira hora da mañá, Delicias recibe clientes que buscan un almorzo caseiro e contundente. Entre os máis demandados está a súa tortilla feita ao momento, que non falta na carta: “As nove da mañá xa hai quen pide o seu café co pinchiño de tortilla”, comenta Iris. Ademais, engadiu recentemente combos de almorzo para que os clientes teñan máis opcións a prezos accesibles: “Incluímos tortilla con café, tostada con café ou bollería con café, sempre buscando algo económico pero de calidade”.
A demanda da tortilla é tan alta que, en moitas ocasións, teñen que preparar outra xa a media mañá. “A veces a mediodía xa estamos facendo outra porque voa”, explica entre risas.
O local tamén destaca polas súas propostas gastronómicas ao longo do día. Ademais de tapas e racións, un dos novos pratos estrela é o cachopo ademais do raxo de porco con salsa de champiñón, que, segundo a propia Iris, é un éxito asegurado. “Cando dicimos cachopo, dicimos cachopo, de dimensións considerables”, apunta con humor. Xunto a el, destacan o raxo de polo, os bocadillos de milanesa de polo, o clásico pepito de tenreira e a exitosa hamburguesa La Deliciosa.
A pesar do éxito, Iris Brandón recoñece que xestionar un establecemento hostaleiro non é tarefa fácil. “Inflúe moito a sorte, pero o esforzo é primordial. Se tes ganas e positividade, iso contáxiase á clientela”, afirma.
Ademais de apostar por un produto de calidade, Brandón considera que a clave está no trato ao cliente. “Podes ter a mellor comida, pero se a atención non é boa, a experiencia non é a mesma. Intentamos que a xente se sinta ben atendida e que marche con unha boa impresión”. Esa filosofía é, segundo a hostaleira, o que fai que moitos clientes volvan unha e outra vez ao seu local.
Co primeiro aniversario do establecemento, Iris e o seu equipo queren agradecer o apoio dos seus clientes. “O xoves estaremos de celebración e haberá algunha sorpresa e sorteos”, adianta. A festa coincide cunha visita especial de Radio Líder.
Cervecería Delicias segue consolidándose como un referente en Carballo, demostrando que unha boa combinación de comida caseira, innovación e un trato próximo é a mellor receita para o éxito.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)