AD

Actualidad

Ledicia Costas, David Uclés e Lídia Jorge gañan o XXIX Premio San Clemente

today23 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

O XXIX Premio Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e mais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xa teñen novelas gañadoras nas súas tres categorías: Misericordia, de Lídia Jorge editado por La Umbra y la Solana na súa edición en castelán, fíxose co galardón no apartado de novela en lingua estranxeira; Pel de cordeiro (Edicións Xerais), de Ledicia Costas, acadou o galardón no apartado de lingua galega, e La península de las casas vacías (Ediciones Siruela), de Davíd Uclés, foi recoñecido co premio en lingua castelán.

O fallo do xurado, conformado polo alumnado de bacharelato de seis institutos galegos, un madrileño e tres europeos, deuse a coñecer esta mañá no salón de claustros do IES Rosalía de Castro nunha rolda de prensa na que interviñeron o secretario xeral de Lingua, Valentín García; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, e a directora do centro educativo compostelán organizador, Gemma Paredes.

Paredes, na súa intervención, agradeceulles aos representantes das dúas consellerías o apoio a este galardón que chegará o vindeiro curso á súa trixésima edición. Agradeceulles tamén o traballo e a implicación tanto aos centros participantes coma os seus alumnos/as que este ano formaron parte dos tres xurados: IES Antón Losada Diéguez (A Estrada, Pontevedra), IES 12 de Outubro (Ourense), IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña), IES Sanxillao (Lugo), IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o IES Ramiro de Maetzu (Madrid), o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido) e o propio IES Rosalía de Santiago.

Valentín García, pola súa banda, celebrou a singularidade deste premio na que a rapazada actúa de xurado e convidou, tras coñecerse o premio para Lídia Jorge, a ler a súa obra na lingua orixinal da autora, o portugués, xa que a literatura lusa é “un inmenso océano”. Bértolo gabou o traballo dos centro educativos á hora de lle dar á sociedade “estudantes ben formados” como os que se reuniron esta mañá no anuncio do fallo do Premio San Clemente, que son “unha boa mostra” deste traballo. Bértolo felicitou o IES Rosalía por este galardón, que está ás portas de facer trinta anos.

A decisión dos xurados

Os alumnos Jairo Barros e Cristina Pérez, do IES Isaac Díaz Pardo, actuaron de voceiros do xurado de novela en lingua estranxeira. Este xurado premiou a obra Misericordia, de Lídia Jorge, polo “lirismo que atravesa o texto”, polo “retrato da beleza do cotiá que ofrece” e pola “visión renovada sobre os nosos maiores”.

David Dios, do IES 12 de outubro de Ourense, e Natalia Argibay, do IES Rosalía de Castro, actuaron de portavoces do xurado de novela en lingua castelán. O premio recaeu na novela La península de las casas vacías, de David Uclés. O xurado gabou a “a ambición de novela total” que presenta este libro, así como a súa orixinalidade ao empregar “o realismo máxico” e o “multiperspectivismo” para “abordar a memoria histórica”.

Diego Rodríguez, do IES Sanxillao (Lugo), e Alba García, do IES Rosalía de Castro, falaron en nome do xurado en lingua galega, que recoñeceu a obra Pel de Cordeiro, de Ledicia Costas. Deste título, editado por Xerais, destacaron a súa “singular estrutura e a súa prosa áxil” que permite “facer de todo o fantástico verosímil”. O xurado concluíu que era unha “obra completa” que brindaba un retrato orixinal e necesario dos vínculos entre mulleres.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *