AD

Comarca

Lendo a Rosalía e Civilizacións, gañadores do concurso infantil de disfraces de Ames

today16 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

Os mellores disfraces foron: na categoría individual o primeiro premio de 100 euros foi para Lendo a Rosalía; o segundo premio dotado de 75 euros recaeu en A dama dos 1823 corchos; e o terceiro premio de 50 euros foi para Caixas musicais

Na segunda categoría, o primeiro clasificado foi Civilizacións da ANPA Millapeques da EEI do Milladoiro, que levou un premio de 300 euros; o segundo premio de 200 euros foi para Alicia en el país de las maravillas; e o terceiro premio de 100 euros recaeu en Desayuna con alegría

Ames, 16 de febreiro de 2026.- A praza da Maía, en Bertamiráns, acolleu hoxe pola tarde a festa e o concurso infantil de disfraces como parte da programación “Entroido Ames 2026”, organizada polo Concello de Ames en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). En dito concurso repartíronse 825 euros en seis premios para os tres primeiros clasificados das categorías individual e grupo. Ademais, houbo un obradoiro de maquillaxe e fin de festa coa actuación musical de Ángel Habana. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de fotografías doutras actividades da programación “Entroido Ames 2026”.

O Entroido do Concello de Ames comezou o pasado sábado, 14 de febreiro, coa festa de Entroido. De 16.30 a 19.30 horas os integrantes da charanga Os Celtas foron os encargados de amenizar a festa polas rúas de Bertamiráns. Ademais, ás 17.00 horas, o alumnado da academia de baile Danzaya realizou unha exhibición de baile na praza da Maía.

Para o domingo, 15 de febreiro, estaba previsto o concurso de disfraces e o desfile no Milladoiro, pero debido á choiva houbo que cancelar dito concurso de disfraces e o desfile polo Milladoiro.

Concurso infantil de disfraces

Por outra banda, hoxe pola tarde celebrouse a festa e o concurso infantil de disfraces como parte da programación municipal de entroido. Dito concurso estivo dirixido a nenos e nenas de ata 12 anos. Houbo dúas categorías: individual e grupos. Na categoría individual houbo 21 participantes, mentres que na segunda categoría houbo 6 grupos. Ademais, houbo un obradoiro de maquillaxe e fin de festa coa actuación musical de Ángel Habana.

Os mellores disfraces foron: na categoría individual o primeiro premio de 100 euros foi para Lendo a Rosalía; o segundo premio dotado de 75 euros recaeu en A dama dos 1823 corchos; e o terceiro premio de 50 euros foi para Caixas musicais. Na segunda categoría, o primeiro clasificado foi Civilizacións da ANPA A Madalena, que levou un premio de 300 euros; o segundo premio de 200 euros foi para Alicia en el país de las maravillas; e o terceiro premio de 100 euros recaeu en Desayuna con alegría.

O xurado encargado de escoller aos gañadores estivo formado por Susana Rodeiro, en representación da ANPA A Maía; Jorge López, de Biosbardos Animación; e Cristina Botrán, en representación da Escola municipal de teatro.

Concertos de Entroido da EMMA

Ademais, como xa vén sendo habitual, a Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, organizou nestas festas de Entroido dúas actuacións. O primeiro dos concertos foi Música entre disfraces, que se realizou o pasado mércores 11 de febreiro e tivo unha duración aproximada dunha hora. A actuación abriuse coa interpretación de Kokoleoco e distintas cancións de cine da man de 18 alumnos e alumnas de Música e Movemento.

Posteriormente, tres alumnos de piano ofreceron un arranxo do clásico Hallelujah, de Leonard Cohen, outras pezas de James Bastien, Antonín Dvořák e a canción popular In the river. A continuación, houbo seis actuacións máis, nas que alumnos/as de guitarra, linguaxe musical, canto, batería e violín deleitaron ao público con temas moi coñecidos como Highway To Hell, de AC/DC, ou Yesterday, dos Beatles. O concerto pechouse co tema Try Everything, de Shakira. En total, participaron arredor de 50 alumnos e alumnas da escola.

O segundo concerto celebrouse o venres 13 de febreiro. Este concerto estivo enfocado a agrupacións e combos da EMMA. Deste xeito, arredor de 65 alumnos e alumnas de guitarra, piano, batería, saxo, baixo e linguaxe musical interpretaron durante aproximadamente 75 minutos temas populares, como Rasputin, do grupo Boney M., Todos los besos, de Los Rebujitos, ou Flowers, de Miley Cyrus.

Entroido do programa Amessán

Por último, cómpre salientar que os/as usuarios/as do programa Amessán tamén participaron na súa propia festa de Entroido o pasado venres 13 de febreiro. Tiveron música en directo co dúo Matices, baile, concurso de disfraces, chocolate e orellas de entroido. Tamén houbo premios para os mellores disfraces grazas á colaboración de XEA, que colaborou achegando os premios para os mellores disfraces.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *