Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Mandís de Honra para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, José López; o pregoeiro Emilio de la Iglesia; o director da ONCE Santiago, José Antonio Riveiro; e ás asociacións de festas de San Bieito de Sergude e das Carrozas de San Cidre
O tempo acompañou e o IX Desfile de Xenerais da Ulla contou con 40 participantes, trinta deles a cabalo
Boqueixón, 22 de febreiro de 2026.- “Uns ovos a Santa Clara e, sobre todo, unhas filloas de Lestedo”. Así xustificou o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, que “despois dun mes de tormentas continuas, chegue a Festa da Filloa e volva o sol”. Así, a Festa da Filloa de Lestedo, declarada de Interese Turístico Nacional, rexistrou récord de participación nesta 43 edición, cunha soleada mañá que animou a moita xente a participar nas actividades.
As máquinas filloeiras puxéronse en marcha ás 8:00 horas e os máis de 240 integrantes da Asociación Cultural da Filloa estiveron todo o día facendo flloas para todos os gustos, sabores e prezos. Unha xornada na que chegan a repartir máis de 70.000 filloas. O pack de 10 filloas podía adquirise por 5€; as filloas á pedra custaban 2€ cada unha e o pack de 3 filloas sen glute podía adquirirse por 2€.
No caso das filloas recheas, as doces podían adquirirse por 2€. Aos tradicionais recheos de nata, crema ou chocolate, este ano engadíronse novas elaboracións: trufa, crema pasteleira e caramelo, fresas con nata e ata con Ferrero Rocher. As salgadas tiñan un prezo de 3,5€ e 6 opcións a elixir, dúas máis co ano pasado. Ás tradicionais con chourizo, panceta, xamón asado de Porco Celta e richada de polo, este ano engadíronse as de cocido de Lalín e as da IGP Ternera Galega con queixo da DOP Arzúa Ulloa.
Desfile de Xenerais
Ás 12:50 horas tivo lugar o Desfile de Xenerais da Ulla polas rúas de Lestedo, un dos máis numerosos destas nove edicións xa que congregou a máis 40 Xenerais e Xeneralas, 30 deles a cabalo, chegados de Touro, O Pino, Santiago de Compostela, A Estrada, Vedra, Teo e Boqueixón. Unha ducia deles participaron posteriormente nos tradicionais Atranques dos Xenerais.
Un desfile encabezado por un grupo de gaitas da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio e pola comitiva oficial, presidida polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, Juan Manuel Silva. Porén, este ano deuse a circunstancia de que o maior número de autoridades, tanto o presidente da Xunta, como os conselleiros, directores xerais e alcaldes e concelleiros sumáronse directamente ao acto inaugural da Festa, ao vir todos dun acto celebrado en Compostela.
Pregón e intervencións
Ovidio Rodeiro Tato comezou a rolda de intervencións destacando que “o ano pasado estreamos o recoñecemento da nosa Filloa como Festa de Interese Turístico Nacional. E sei que houbo quen pensou: pois agora, pararán e deixarán de facer tantas cousas. Pero en Boqueixón non che somos así. Por iso, esta 43 edición da Festa da Filloa de Lestedo foi a que máis actividades paralelas acolleu en toda a súa historia”.
Neste sentido, destacou que “por primeira vez, unha dela terá lugar máis aló do Domingo de Piñata. Porque a Festa da Filloa de Lestedo estará mañá luns presente en toda España a través da venda de 5 millóns de cupóns da ONCE. Unha promoción que dará a coñecer o noso concello, a nosa parroquia e a nosa festa en todos os recunchos de España”. Ademais, agradeceu aos veciños e veciñas de Lestedo porque “a Festa da Filloa é o que é hoxe grazas ao esforzo, traballo e dedicación de toda unha parroquia. Das persoas que están hoxe aquí presentes, pero tamén dos seus pais e nais, dos seus avós e avoas. Persoas que foron quen de converter un festexo da parroquia, en toda unha Festa de Interese Turístico Nacional”.
Un agradecemento no que afondou Juan Manuel Silva, quen tivo unha mención especial “para as 240 persoas que integramos a Asociación Cultural da Filloa, sobre todo para o noso benquerido José Manuel Canabal, que deixou a presidencia despois dunha década de traballo”. Finalmente, tamén agradeceu a colaboración de todas as entidades e administracións colaboradoras, así como das empresas patrocinadoras da Festa da Filloa.
O subdelegado do Goberno en Galicia, Julio Abalde, destacou que a Festa da Filloa de Lestedo “reúne todo: cultura, iniciativas populares, apoio das distintas administración. É un exemplo da Galicia que todos buscamos”. Pola súa banda, Natividade González, deputada provincial de Cultura, destacou que “a Festa da Filloa consolidouse como patrimonio cultural da provincia, unha celebración que integra cultura, gastronomía, turismo e moita diversión. Falamos dunha festa con máis de corenta anos de traxectoria, de evolución e tamén de profesionalización. Unha festa que soubo medrar sen perder a súa esencia”.
Pola súa banda, Emilio de la Iglesia, veciño de Lestedo, desexou que “cada volta no fiolleiro sexa unha volta ás nosas orixes, que cada bocado nos lembre que as cousas boas da vida son sinxelas pero profundas. Que esta festa siga viva moitos anos máis, porque mentres haxa filloas, música e xente coma vós, Lestedo será sempre terra de encontro e de sabor. E nunca faltará o lume que quenta, o fiolleiro que xira e a man que mestura. E non faltará a alegría de compartir, a emoción de celebrar e o orgullo de ser quen somos”.
Mandís de honra
Un pregoeiro que foi unha das seis persoas distinguidas este ano pola Asociación Cultural da Filloa coa imposición do “Mandil de honra” da Filloa, deseñado por Carmen Pichel. Canda el tamén foron distinguidos polo seu apoio e colaboración coa Festa da Filloa de Lestedo:
– o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, imposto polo alcalde Ovidio Rodeiro.
– o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, José López Campos, imposto Juan Manuel Silva Hermida, presidente da Asociación Cultural da Filloa, non sen certa dificultade, debido á diferenza de altura. López Campos agradeceu a distinción porque “fun alcalde durante moitos anos do pobo irmán da Estrada e, seguindo ás beiras do Ulla, sempre me une poder compartir estas fermosas festas gastronómicas. E felicitar a quen se encargou do tempo porque temos un día precioso para desfrutar dunha das mellores festas de Galicia”.
– o director da Axencia ONCE en Santiago, José Antonio Riveiro Canosa, imposto polo secretario xeral da Lingua, Valentín García. Riveiro Canosa salientou que mañá luns “haberá un cupón da ONCE percorrendo España enteira e promocionando a Festa da Filloa de Lestedo. Cinco millóns de cupóns estarán por todo o territorio nacional para promocionar esta festa. Dende a ONCE queremos poñer o noso grao de area para que Lestedo viva en toda España”.
– o presidente da Asociación de Festexos San Bieito de Sergude, José Manuel Santos Blanco, cuxa celebración inclúe un Entroido dos Xenerais da Ulla, Festa de Interese Turístico Galego. Impúxolle o mandil o concelleiro de Obras de Boqueixón e veciño de Sergude, Manuel Fernández Munín.
– o presidente da Asociación de Carrozas do San Cidre, Alejandro Pena Redondo, celebración declarada tamén Festa de Interese Turístico Galego en 2025. Impúxolle o mandil Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Unha vez rematado o acto, tiveron lugar os tradicionais atranques dos Correos e Xenerais, nos que tomaron parte dúas parellas de Correos (Rebeca Rey e Noa Cernadas) e seis parellas de xenerais (Andrés Lareo e Iago de la Torre; Andrea Seoane eUxía Rodríguez; José Canabal y Aroa Pena; Gerardo Canabal e Aroa Estévez), pechando a festa un atranque a cabalo entre a xenerala Olaia Canabal e a actriz e presentadora María Mera. Nas súas coplas, cheas de retranca, non faltaron as alusións a temas de actualidade, dende o fútbol ata a política, con especial atención unha vez máis ás sendas peonís que o Concello está a implantar en todas as parroquias.
Xantar do Cocido
Tras a sesión vermú tivo lugar o tradicional Xantar da Filloa no polideportivo de Lestedo, que nesta ocasión volveu no “Cocido da Filloa” a raíz do irmandamento entre os concellos de Boqueixón e Lalín. En total, repartíronse preto de 350 xantares elaborados polo cociñeiro lalinense Álex Iglesias e que incluíron un cocido completo: sopa de cocido, cacheira, lacón, costela, entrefebrado, polo, morro, orella, chourizo ceboleiro, unllas, rabo, grelos, pataca, garavanzos e faldra de tenreira galega.
En canto ás autoridades, este ano produciuse unha circunstancia singular: ao coincidir en hora cun acto do PP en Compostela, moitas das personalidades optaron por chegar directamente ao palco do campo da festa, o que fixo que a presentadora María Mera tirara de oficio para alongar un pouco a imposición dos mandís, ante as ausencias do presidente da Xunta e do conselleiro de Cultura. Iso motivou tamén que o tradicional paseo das autoridades polas máquinas filloeiras se atrasara a despois dos atranques. Unha comitiva encabezada polo alcalde, Ovidio Rodeiro; o presidente da Asociación Cultural da Filloa, Juan Manuel Silva; e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Candaa eles, os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso; de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González; e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, José López Campos. Xunto a eles, os Mandís de Honra 2026; o subdelegado do Goberno en Galicia, Julio Albalde Alonso; a deputada provincial de Cultura, Natividade González Rodríguez; a delegada Territorial da Xunta, Belén do Campo; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e os directores da Axencia Turismo de Galicia, José Manuel Merelles; de Urbanismo, Encarnación Rivas; de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón; da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza Martínez; o deputado do Parlamento de Galicia, Borja Verea; o coronel xefe Aeródromo Militar de Santiago; Juan Pedro Velázquez-Gaztelu Fernández de la Puente; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Fernando Pedreira Lata; o comandante xefe da 3ª Compañía Garda Civil de Santiago, José Antonio Rivero Zobra; o xefe de unidade da Policía Nacional, Jorge Manuel Rubal Pena; entre outras autoridades, ademais dos alcaldes de Lalín, Ordes e Oroso, entre outros.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)