Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 enero, 2025
O presidente provincial, xunto coa deputada de Turismo Nava Castro, asiste en Fitur ás presentacións do Club da Lamprea do Condado e a Paradanta, da proposta de tradición e gastronomía do Deza e Tabeirós e á entrega dos premios SICTED a entidades da provincia
“As opcións para facer turismo, igual que para desfrutar da lamprea, son case infinitas, pero a mellor está nas Rías Baixas”, asegura Luis López
Madrid, 23 de xaneiro do 2025. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca en Fitur os importantes atractivos turísticos que ofrecen as distintas comarcas e concellos da provincia de Pontevedra, así como a garantía de calidade en atención e servizos ao visitante que son as entidades pontevedresas, nunha xornada que xirou arredor da presentación da campaña “Cando Volves?” de Turismo Rías Baixas. Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, o presidente López participou nunha degustación de centola organizada polo Concello do Grove e nas presentación dos produtos turísticos do Xeodestino Deza-Tabeirós e do Xeodestino Condado Paradanta, para poñer en valor, neste caso, a creación do Club da Lamprea. “As opcións para facer turismo, igual que para desfrutar da lamprea, son case infinitas, pero a mellor está nas Rías Baixas. Xa non é ningún segredo, porque cada anos somos máis: os que nos descubren e os que volven”, afirmou Luis López na presentación desta iniciativa lanzada polo GDR Terra e Auga.
No stand que Turismo de Galicia ten en Ifema, o presidente Luis López tomou parte da presentación dun dos grandes atractivos turísticos do interior da provincia en materia gastronómica: o Club da Lamprea. Unha proposta ideada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga, que conta co apoio da Deputación a través dos 1,5 millóns de euros de fondos europeos conseguidos polo organismo provincial para a posta en marcha dun Plan de Sustentabilidade Turística para O Condado e A Paradanta que inclúe, entre outros plans, o lanzamento do Club da Lamprea, para protexer e promocionar este produto típico do sur da provincia. “Nesta provincia temos un club moi especial. Un club cunha sede infinita, cunha masa social inmensa e do que nos enorgullecemos ao mesmo tempo que o apoiamos. Falo do Club da Lamprea, un club que cada día ofrece o mellor espectáculo cultural, natural e gastronómico. Porque na provincia da batea e o marisco, o maior manxar habita as augas doces do río Miño desde tempos inmemoriais”, definiu o presidente López todo o que envolve á lamprea.
Ademais, a Deputación incrementou este ano no seu orzamento, que acada os 6 millóns de euros na área de Turismo, o apoio a este tipo de celebracións que atraen cada ano a milleiros de persoas ás Rías Baixas.
Referencia de calidade
Esta xornada de xoves en Fitur, comezou coa décimo quinta edición da entrega dos premios Sicted, os galardóns do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos, que recoñecen cada ano as melloras en atención nas distintas categorías do sector turístico. Este ano foron recoñecidas dúas entidades da provincia de Pontevedra: o Destino Terras de Pontevedra Norte-Deza-Tabeirós recibiu o primeiro premio na Categoría Especial Mellor Visibilidade do Destino Sicted en Medios; mentres que a Casa do Patrón, en Lalín, levou o terceiro premio na Categoría Especial Servizo Técnico máis Competitivo.
No mesmo stand de Turismo de Galicia, o presidente estivo tamén presente na presentación do Xeodestino Deza-Tabeirós, que centra a súa proposta na tradición e a gastronomía. Acto seguido, deuse a coñecer o Club da Lamprea e, por último, o mandatario provincial pechou a súa axenda institucional na Feira Internacional de Turismo de Madrid participando nunha degustación de centola promovida polo Concello do Grove.
Para a quenda da tarde, está prevista a participación da deputada provincial de Turismo Nava Castro nas presentacións da campaña “Para lembrar” de Galicia Suroeste, da segunda edición da media maratón “Entre Rías” entre O Grove e Sanxenxo e na proposta da Mancomunidade do Salnés titulada “Outra forma de facer o camiño”. Pola noite, a deputada representará á Deputación de Pontevedra na gala Noite Q de Calidade que terá lugar no Palacio de Cibeles.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)