AD

Actualidad

Lumedoloop, a nova referencia do hip hop galego, estréase con Rico de Sabor, o seu primeiro manifesto musical

today17 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

Algo importante está a prender na música galega: este venres 17 de outubro preséntase Rico de Sabor, unha declaración de principios que, á vez, serve de carta de presentación de Lumedoloop, a nova formación de referencia da escena urbana do país.

Lumedoloop nace do encontro entre tres figuras fundamentais do hip hop galego. Por unha banda, Jamas (voz principal), un dos MCs máis carismáticos dos nosos escenarios, cun estilo que mestura contundencia e sensibilidade, posuidor dun flow natural cargado de musicalidade e forza explosiva. Pola outra, Møu (produción musical e voz), o produtor que marcou a evolución do rap en Galicia, cunha identidade sonora tan asentada coma en constante exploración. Ambos, integrantes e fundadores de Dios Ke Te Crew, alíanse neste proxecto artístico con DJ Mil (scratches e djing), virtuoso dos pratos cunha carreira consolidada cuxos cortes e seleccións son parte esencial da narrativa sonora de Lumedoloop.

A poderosa tríade creativa, que alén de facer rap pretende xogar con diversos estilos e loitar desde o ritmo e a palabra, dá a coñecer hoxe o seu primeiro tema: Rico de Sabor, un manifesto do materialismo afectivo fronte á aritmética fría do capital. Unha denuncia, en clave de retranca, da gran contradición do noso tempo: un sistema que promete abundancia para todos mentres estruturalmente require a escaseza da maioría.

Sobre unha instrumental exquisita asinada por Møu, Jamas asesta unha interpretación brillante que combina ironía, precisión poética e contundencia emocional. Rico de Sabor é un manifesto e unha declaración de intencións, ademais dunha carta de presentación dun proxecto sonoro de gran personalidade e impacto. “Rico de Sabor, pero non teño un puto peso”, canta Jamas. O lume de Lumedoloop xa está aceso.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *