Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 septiembre, 2025
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025.- Máis de medio millar de afeccionados do rock galego achegaranse este domingo 21 ata o Monte do Gozo para participar na Macroactuación que porá, como cada ano, o broche de ouro a Go!Go!Zo! A presentación deste xa clásico concerto tivo lugar esta mañá na praza central do complexo do Monte do Gozo, e contou coa presenza do Secretario Xeral da Lingua, Valentín García; a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; o representante da organización do evento, Julio Asorey; e o fundador da Casa do Rock, Adrián Hernández.
Na súa intervención, Valentín García subliñou que tanto o ciclo de Novas Músicas en Galego como a iniciativa da Macroactuación “danlle á lingua o recoñecemento que merece, maximizando o talento emerxente de Galicia e en galego”. Pola súa parte,
Carmen Pita parabenizou os organizadores e celebrou a súa ambición por querer superar o éxito de asistencia do ano pasado abranguendo, para esta ocasión, a máis participantes, estilos musicais e instrumentos, “unha proposta innovadora e aberta a todos os públicos que medra ano tras ano”.
De feito, esta apertura é unha das novidades nesta Macroactuación que se prevé máis multitudinaria ca nunca, co Coro Infantil San Roque A Paz e o CMUS Reberiano Soutullo de Ponteareas entre as filas. Para Santiago Barreira Davila, director da banda doconservatorio, “é unha oportunidade para abordar un repertorio musical diferente ao que facemos normalmente”. Coincidindo con el, o responsable da coral Rafael Pérez Dopeso salientou “a emoción que teñen os rapaces de poder gozar dun evento deste nivel, unha actividade enriquecedora e divertida para achegarse máis a outras sonoridades”.
En total, máis de 500 persoas uniranse a esta cita que, por primeira vez, congregará enriba do escenario a 140 músicos, 60 coristas e 300 artistas tocando ao mesmo son, “un fito que nunca se deu en Galicia”, asegurou Asorey. Interpretaranse catro versións en galego dos éxitos de AC/DC, Bob Seger, Coldplay e Twisted Sister. “Dalle gas”, “Aquel vello rock&roll”, “Viva a vida” e “Non aturaremos unha máis” resoaran en Santiago de Compostela nunha mestura sonora única de violíns e guitarras eléctricas que xa se converteu nun selo moi propio desta celebración.
Finalmente, Adrián Hernández amosou como se desenvolverá o Día D de Go!Go!Zo! Será este domingo 21 a partir das 16:00 horas cando comece o espectáculo: “Interpretaremos grandes cancións, facendo alusións á nosa cultura propia e, sobre todo, será unha declaración de amor polo rock&roll”, e seguiu: “Aínda é posible inscribirse”. Todo aquel que queira participar cun instrumento aínda pode rexistrarse na páxina oficial da Casa do Rock e descargar as partituras: https://acasadorock.com/macroactuacion-21-setembro- 2025/
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)