AD

Actualidad

Máis de 150 persoas se inscribiron na campaña solidaria Zocos e Trasnos

today4 enero, 2024

Background
share close
AD

 

 

Arredor de 150 trasnos repartirán os agasallos que pediron os case 150 zocos e zocas (nenos e nenas). Ademais, 6 trasnos quedaron inscritos nunha listaxe de emerxencia, por se fosen necesarios para recoller as cartas que poidan chegar a última hora. Deste xeito, este ano inscribíronse na campaña aproximadamente 156 persoas, unha cifra similar á de edicións anteriores. Os veciños e veciñas que se anotaron como voluntarios/as actúan como “paxes dos Reis Magos”, achegando ese agasallo aos dous puntos Trasnos, situados nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Os agasallos estanse a entregar ao longo desta semana para despois, os días 4 e 5 de xaneiro facer o reparto. Esta campaña parte do departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado.

Máis de 150 nenos e nenas de Ames recibirán os seus agasallos o día de Reis grazas á campaña Zocos e Trasnos. Esta iniciativa, que se pon en marcha por oitavo ano consecutivo, parte da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, dependente da Concellería de Benestar Social. O obxectivo desta campaña é que ningún neno/a de Ames quede sen agasallo nestas festas, grazas á colaboración dos trasnos (veciños e veciñas voluntarias que achegan un agasallo de Reis a cadanseu zoquiño/a).

Este ano inscribíronse na campaña aproximadamente 156 trasnos, dos cales 150 repartirán os agasallos que pediron os 150 zocos e zocas (nenos e nenas). Os 6 trasnos restantes quedaron inscritos nunha lista de emerxencia por se fosen necesarios. A organización desta iniciativa é a encargada de recoller as cartas escritas polas crianzas aos Reis Magos. Estas cartas chegan aos trasnos a través dun correo electrónico, dunha mensaxe de WhatsApp ao móbil ou mesmo en man, acompañadas dun código identificativo da nena ou neno (non se dan nomes nin apelidos).

O coordinador da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos, destaca a implicación da veciñanza amesá nesta iniciativa: “Aínda que a participación nos eventos solidarios é sempre moi ampla neste concello, esta é a campaña na que máis se volcan os veciños e veciñas de Ames”. Nesta mesma liña se expresa a concelleira de Benestar Social, Uxía García, quen ademais de destacar Ames como un concello moi solidario, pon en valor o traballo levado a cabo pola Oficina de Voluntariado con esta campaña.

Agasallos que non teñan carácter bélico nin sexista

Cada trasno debe escoller algo do solicitado na carta, que non pode superar os 30 euros, envolvelo, poñerlle o código que identifica o seu zoco e facelo chegar a eses Puntos Trasno. Cómpre salientar que os agasallos deben cumprir dúas premisas básicas: non ter carácter sexista nin bélico. Finalmente os agasallos serán entregados ás familias para que todos os/as zocos/as poidan desfrutar do seu agasallo no día de Reis.

Non se trata de ofrecer o que nos sobra ou o que xa non utilizamos senón de agasallar ao neno ou á nena con aquilo que eles elixen, o que supón un maior grao de equidade e igualdade.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%