Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 septiembre, 2025
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, afeoulle ao goberno nacionalista “a súa incapacidade para atallar a problemática do sinfogarismo na cidade, que, en vez de ir a menos, vai a máis, polo que a preocupación veciñal tamén medra, o que evidencia que a actuación municipal é totalmente insuficiente”.
“O goberno local leva dous anos anunciando a apertura do Centro de atención integral a persoas sen fogar en Belvís, -explicou a popular-, ía ser no primeiro semestre do 2024, despois a finais dese ano e, agora, no 2025, pero, cando xa está rematando o verán, aínda se descoñece a data da súa posta en marcha”.
Yolanda Otero insistiu en que, “tendo en contra que aínda non está licitado o equipamento, nin a xestión do centro, é realmente dubidoso que se vaian a cumprir os prazos comprometidos polos nacionalistas, co que estamos ante un exemplo máis da propaganda do goberno local, que está atoado en políticas publicitarias”.
“Deben -remarcou a edil popular- actuar xa para atender esta problemática que, día a día, vai en aumento; teñen que dar resposta á preocupación e inquedanza da veciñanza; deben ofrecer recursos específicos e de calidade ás persoas sen teito; e é preciso que conteñan estas situacións de vulnerabilidade; ademais de garantir os dispositivos e recursos específicos axeitados, a través dos servizos sociais municipais”.
Yolanda Otero reiterou que “os nacionalistas deben traballar para atallar a cronificación desta problemática social de forma coordinada coas entidades do tecido asociativo da cidade e, ante esta preocupante realidade social, lembramos que o goberno nacionalista non conta cun Plan municipal contra o sinfogarismo”.
“Estamos -dixo Otero- ante unha evidencia en Compostela que preocupa aos veciños e veciñas; que afecta á convivencia, con especial incidencia en varios puntos da cidade; e que mostra que as medidas adoptadas polo goberno local non son suficientes, xa que estamos ante un feito que demanda unha intervención municipal urxente, non falamos de ideoloxías, senón de humanización”.
En Santiago, viven máis de 200 persoas en situación de sinfogarismo entre quen conta, temporalmente, con alternativa de aloxamento e quen reside na rúa, unha realidade que é unha das manifestacións máis duras da exclusión social e vulnerabilidade, xa que supón unha progresiva desvinculación do entorno social e se vincula a complexos problemas estruturais, causados por moitos factores, como as adicións, roturas familiares ou desemprego, entre outros.
No ano 2021, os estados europeos comprometéronse, en Lisboa, a que en 2030 non haxa ninguén vivindo na rúa, pero na capital de Galicia o número de persoas sen fogar vai en aumento, cunha ampla diversidade de perfís. Así mesmo, tal como indica a Estratexia Nacional para a loita contra o sinfogarismo, en España, entre os anos 2023-2030, atopamos un colectivo cada día máis feminizado, máis xove e con maiores problemas de saúde mental.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)