Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 abril, 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou esta mañá a exposición ‘Camelia, Flor de Galicia’, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia que convida tanto á cidadanía como ás persoas visitantes a descubrir unha proposta singular nesta Semana Santa en Santiago de Compostela.
Instalada no claustro do Pazo de Fonseca, xunto á emblemática Catedral de Santiago de Compostela, a mostra reúne máis de 200 variedades de camelias. A exposición destaca por combinar a riqueza botánica desta flor con elementos decorativos do traxe tradicional galego, creando un percorrido que fusiona natureza, cultura e patrimonio arquitectónico.
En total participan 25 coleccionistas, entre particulares e entidades como a Asociación Galega da Camelia, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro e o Pazo Quinteiro da Cruz. Como novidade, esta edición incorpora contidos audiovisuais que enriquecen a experiencia das persoas visitantes e achegan unha dimensión máis inmersiva.
Durante a inauguración, Merelles subliñou que esta iniciativa contribúe a reforzar o atractivo turístico da cidade nunhas datas clave como a Semana Santa —declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2018—, ao tempo que pon en valor a camelia, unha especie introducida en Galicia a finais do século XVIII e que hoxe se consolidou como un referente internacional.
A exposición enmárcase tamén na promoción de produtos turísticos vinculados a esta flor, como a Ruta da Camelia en Flor, un itinerario único en España que percorre 19 espazos singulares —entre xardíns e outros recursos turísticos— nas provincias da Coruña e Pontevedra. A esta proposta súmase o Tren Turístico da Ruta da Camelia en Flor, integrado nos Trens Turísticos de Galicia, que recentemente esgotou todas as prazas nas saídas programadas para o mes de marzo.
‘Camelia, Flor de Galicia’ poderá visitarse no Pazo de Fonseca o xoves 2 de abril en horario de 13:00 a 21:00 horas, e o venres 3 e sábado 4 de 11:00 a 21:00 horas, con entrada libre. Organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Sociedade Española da Camelia e a Universidade de Santiago de Compostela, a iniciativa reforza a aposta por diversificar a oferta turística da cidade e ofrecer experiencias culturais de calidade nestas datas.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)