Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 enero, 2026
Javi Maneiro afronta un dos momentos máis decisivos da súa traxectoria persoal e musical. O histórico vocalista de Heredeiros da Crus explicou nunha longa e sincera entrevista con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago as razóns da súa saída da banda tras máis de 34 anos, un proceso marcado pola perda de identificación artística, un grave problema de saúde e a necesidade de priorizar o benestar persoal e a honestidade creativa.
O músico recoñeceu que o accidente cardiovascular que sufriu supuxo un punto de inflexión na súa maneira de entender a vida. “Cando pasas por algo así, a túa forma de pensar cambia. Dáste conta de que non paga a pena acumular cousas que non che gustan”, afirmou. Desde entón, asegura, aprendeu a poñer límites e a coidarse máis: “Volveste máis estrito contigo mesmo e preguntas por que tes que aguantar cousas que non che fan ben”.
A decisión de abandonar Heredeiros da Crus non foi inmediata nin improvisada. Maneiro explicou que o distanciamento viña de tempo atrás, especialmente polo desacordo co rumbo artístico da banda. “Chegou un momento no que as cancións e as letras cada vez me gustaban menos. Son o cantante e xa non sentía o que cantaba, e iso é un problema non só para min, senón para todo o grupo”, sinalou.
Segundo relatou, a saída produciuse tras rematar unha xira e foi comunicada internamente con meses de antelación. “Reunín a todos nun local de ensaio e díxenlles que me marchaba, que era o mellor para todos”. A pesar da tristeza que puido causar nos seguidores, Maneiro insistiu en que os ciclos vitais tamén chegan ao seu fin: “A vida segue, os camiños sepáranse, e iso non quere dicir que morramos, senón que acabamos de renacer”.
O músico mostrou respecto pola banda, á que definiu como “unha piña”, e recoñeceu o peso emocional de deixar atrás o proxecto no que estivo implicado durante máis de tres décadas. Con todo, non ocultou o seu malestar polo comunicado oficial emitido tras a súa marcha. “Non me gustou nada. Botouse enriba da miña espalda toda a responsabilidade, cando eu avisara con seis meses de antelación”, explicou, defendendo que actuou con responsabilidade e tempo suficiente para que o grupo tomase decisións.
A pesar diso, decidiu gardar silencio durante meses. “Preferín marchar pola porta de atrás, respectar a decisión da banda aínda que non me gustase e non facer ruído”, asegurou. Agora, co paso do tempo, sente a necesidade de explicar a súa versión “desde a distancia, con respecto e sen afondar na tristura”.
No plano artístico, Maneiro atópase inmerso nun novo proxecto en solitario que define como un espazo de liberdade absoluta. “Eu non penso o que vou facer, simplemente escribo e déixome levar”, explicou sobre o proceso creativo. O feedback do público, segundo indicou, está a ser moi positivo: “A xente dime que as cancións chegan, que son moi sentidas, e que moita xente se sente identificada”.
O novo disco, que se presenta como unha declaración de intencións baixo a idea de a miña mellor versión, non responde a un estilo pechado. Haberá espazo para a intimidade, a retranca, a tradición galega e tamén para o rock. “Se hai gamberrismo, será visto desde os 52 anos que teño”, ironizou, afastándose da mirada dun artista novo e reivindicando a madurez como valor creativo.
Arroupado por un novo equipo de traballo, Maneiro destacou a importancia de sentirse acompañado nesta nova etapa. “Ter un bo equipo que crea en ti é fundamental. Agora podo explicar o que sinto e por onde quero levar as cousas, e iso é moi bonito”, sinalou, definindo este proceso como empezar de novo, “picando pedra”, pero cunha ilusión renovada.
A escrita foi clave nos meses máis difíciles. “Este verán tan triste aproveiteino moitísimo para escribir”, confesou. Agora, coa perspectiva do tempo, busca non quedar ancorado só na emoción máis escura: “Tamén quero mostrar felicidade, baile e enerxía”.
Sobre o futuro inmediato, Maneiro amosou especial interese polos concertos en teatros, onde sente unha conexión máis directa co público. “Aí é onde un artista se forxa de verdades”, afirmou, recoñecendo que, malia as lesións físicas que arrastra, enriba do escenario “a dor non existe”.
A nova etapa de Javi Maneiro constrúese así sobre unha premisa clara: poñer a arte e a felicidade persoal por diante de todo. “Os cartos están ben, pero a música é outra cousa. Quero facer o que me gusta e ser feliz, sexa en escenarios pequenos ou grandes”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
a miña mellor version galicia heredeiros da crus javi maneiro musica


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)