Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 noviembre, 2025
O Fairway, Fórum do Camiño de Santiago, cumpre dez anos e celebra a súa sexta edición cunha fin de semana chea de propostas na Cidade da Cultura de Santiago. O evento, que se desenvolverá do 9 ao 11 de novembro, combina divulgación, formación, gastronomía, música e negocio, consolidándose como o gran punto de encontro arredor do fenómeno xacobeo.
Nesta edición, o Fairway contará con máis de 70 stands, 43 turoperadores de 18 países, máis de 3.000 reunións de traballo, talleres formativos, mesas de debate, actividades gastronómicas, concertos e un Open Day con propostas para todos os públicos.
Na entrevista en Radio Líder Santiago, o codirector do evento, Manuel Oreiro, recoñeceu que a organización vive estes días “con moitos nervios, ultimando todos os remates finais para que poidamos gozar de tres días repletos de actividades”. E engadiu: “Cumprimos un décimo aniversario e queriamos incidir nesa oferta lúdica de actividades, sobre todo para o público que poida asistir calquera dos tres días.”
Un Open Day para todos os públicos
O domingo 9 de novembro, o Fairway abrirá as súas portas cun Open Day pensado para toda a familia. “Queremos celebrar este décimo aniversario cun día aberto para que todo o mundo poida gozar do Fairway, dende as familias ata quen queira descubrir o que se move arredor do Camiño”, explicou Oreiro.
O programa incluirá catas e degustacións gastronómicas, showcookings, obradoiros infantís de origami, e unha sesión vermú con Señora DJ, acompañada de tapas elaboradas por diferentes chefs. O broche final poñerao o concerto de Xabier Díaz, ás seis da tarde.
Tamén haberá unha actividade especial de mañá, o iCamino, que comezará na Praza do Obradoiro e percorrerá os cinco camiños que converxen en Compostela, rematando na Cidade da Cultura.
Outro dos atractivos do Open Day será a chegada, por primeira vez a Santiago, da exposición ‘Elías Valiña. O inventor da frecha amarela’, dedicada ao párroco do Cebreiro que creou o símbolo máis recoñecible do Camiño. “É unha mostra moi simbólica, dedicada a quen ideou ese icono tan importante do Camiño”, subliñou o codirector.
As actividades son de acceso libre e gratuíto, aínda que as persoas que queiran asegurar a súa praza nas propostas con aforo limitado poden realizar un pagamento simbólico de 5 €. Tamén existe a posibilidade de inscribirse de balde na lista de agarda, sen garantía de praza, a través do formulario dispoñible en fairwaysantiago.com
Feira e xornadas profesionais de contratación
Durante os tres días, a Cidade da Cultura acollerá unha ampla feira de turismo e servizos, con máis de 70 expositores de empresas e institucións relacionadas co Camiño de Santiago, o turismo cultural e a innovación. “É unha das patas fundamentais de Fairway”, sinalou Oreiro.
O luns 10 e martes 11 de novembro celebraranse os whorshop, que reúnen 43 turoperadores e axencias de viaxes de 18 países con 140 empresas galegas. “Son dous días moi intensos —explicou—, con reunións cada dez minutos. O obxectivo é que compradores e vendedores poidan coñecerse, establecer contactos e pechar acordos para o futuro.”
O codirector destacou que esta será “a edición máis internacional” do evento, con participantes chegados “de Estados Unidos, Xapón, Indonesia, Sudáfrica, Italia, Corea e moitos outros países europeos”. “O Camiño de Santiago é unha marca recoñecida en todo o mundo e moitas destas axencias veñen porque os seus clientes preguntan por el. É unha oportunidade única para que coñezan de preto os recursos turísticos galegos”, apuntou.
Debate, formación e innovación
Dentro do Foro Turismo e Camiño, o programa inclúe tamén a conferencia inaugural “Buscando a excelencia na sostibilidade”, ademais das mesas de debate “Turistificación: visitantes ou invasores?” e “Tasa turística: a onde vai o diñeiro?”. Traemos exemplos de concellos que xa aplican a tasa, como OPorto ou Barcelona ou Santiago, para que expliquen como a están xestionando e cales son os beneficios para as cidades”, explicou Oreiro.
A oferta completarase con dous talleres prácticos centrados na dixitalización: “Define os teus KPIs e mide os teus obxectivos de negocio” e “ChatGPT aplicado á xestión de negocios turísticos”, así como cunha cata sensorial titulada “Cervexa e Camiño. Ruta pola cultura cervexeira”. “A intelixencia artificial é algo que temos que ter moi presente. En cada edición facemos un guiño á formación e á innovación, porque o sector turístico tamén precisa adaptarse aos novos tempos”, engadiu Oreiro.
Sorteos e actividades especiais polo décimo aniversario
Con motivo dos dez anos de traxectoria, o Fairway quere agradecer o apoio do público e dos profesionais con agasallos e sorteos diarios. “Queremos ter un detalle con toda a xente que nos visita durante estes tres días, con moitas sorpresas e premios”, afirmou Oreiro.
As persoas asistentes poderán conseguir unha credencial simbólica inspirada na Compostela, que deberán ir selando nos distintos stands da feira. “Era unha maneira de facer un guiño ao espírito do Camiño —explicou—. Recóllese a credencial na secretaría, vas visitando os expositores e, ao final do día, participas no sorteo.” Os premios inclúen viaxes, fins de semana en balnearios e experiencias turísticas por toda España e Portugal, ademais de lotes de produtos galegos con denominación de orixe.
Dez anos de crecemento e recoñecemento
Manuel Oreiro lembrou os inicios do proxecto, promovido por Viloria, Trevisani e Mister Turismo, tres empresas compostelás vinculadas ao sector. “Sentímonos na obriga de agradecer a todos os prescritores que promocionan o Camiño e poñen en valor Santiago como meta. Daquela xurdiu o Fairway”, contou.
Dez anos despois, o codirector asegura que o balance non pode ser máis positivo: “Cada ano hai crecemento e, sobre todo, un recoñecemento moi importante por parte das administracións e do propio sector profesional. É un espazo no que podemos coñecernos, compartir e mesmo debater, aínda que teñamos diferentes visións.”
Con satisfacción polo percorrido, Oreiro define o espírito do foro con palabras que xa son lema da organización: “O Fairway é un espazo de diálogo, de compartir experiencias e de facer contactos profesionais.” E concluíu a entrevista cunha invitación aberta a toda a cidadanía: “Que se animen, que entren na web, consulten os horarios e se inscriban. É unha oportunidade única para gozar, formarse e coñecer de preto o que significa o Camiño de Santiago.”
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)