AD

Actualidad

Manuel Taboada: “É lamentable que os nosos estudantes teñan que sortear prazas no bus para ir a clase”

today21 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

O rexedor popular denuncia que estudantes quedan nas paradas sen poder desprazarse a Santiago e alerta das perdas millonarias no sector gandeiro polos ataques de lobos: “Queremos controlalos, non eliminalos, pero isto é insostible”

O alcalde de O Pino, Manuel Taboada, esixiu esta semana unha resposta inmediata da Xunta de Galicia ante dous problemas que, segundo indicou, están “a condicionar gravemente o día a día do municipio”: o colapso do transporte interurbano cara a Santiago de Compostela, especialmente nas primeiras horas da mañá, e os continuos ataques de lobos a explotacións gandeiras locais.

Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, o rexedor expresou a súa preocupación pola situación do bus que conecta O Pino coa capital galega: “Estamos a falar de estudantes que chegan tarde ás clases ou, directamente, quedan nas paradas porque o bus vén cheo desde Arzúa. É lamentable que no século XXI teñamos que sortear prazas para poder ir ao exame”.

O problema, segundo explicou, comezou coa entrada da empresa Monbus como concesionaria da liña que ven de Lugo: “Antes había dous buses no horario de maior demanda. Agora só hai un, e non chega”. “O outro día —relatou— só había tres prazas libres en Ferreiros e quedaban sete persoas esperando. Tres estudantes non puideron ir facer o exame. É moi grave”.

A situación complícase coa falta de puntualidade do servizo. “O bus debía pasar ás 08:15 e pasou ás 08:28. Os rapaces chegaron a Santiago ás 08:56, con só catro minutos de marxe para entrar ás clases”, lamentou.

Taboada indica que xa trasladou a situación á Dirección Xeral de Mobilidade, enviando escritos, chamadas e incluso vídeos que acreditan os incumprimentos da empresa: “A Xunta debe reforzar o servizo cun segundo bus, polo menos desde Melide, ou garantir que cada día circule un autobús de maior capacidade”. Tamén pediu a colaboración da veciñanza para recoller probas que se poidan achegar á administración autonómica: “A empresa pode dicir que todo vai ben, pero as imaxes e testemuñas dos usuarios din o contrario”.

Ataques do lobo: máis de 60 animais mortos

Outro asunto de “extrema preocupación” para o alcalde é o impacto da presenza descontrolada do lobo en varias parroquias do municipio. “Temos explotacións que perderon máis de 20 animais en poucos meses. En total, no último ano e medio, falamos de máis de 60 becerros e vacas mortos polos ataques”, indicou. As parroquias máis afectadas son Ferreiros, Cerceda, Pastor, Medín, Gonzar e San Mamede, cubrindo practicamente a metade do territorio municipal.

Aínda que recoñece a importancia do lobo no ecosistema, Taboada insiste na necesidade de recuperar o control das manadas, agora que Europa excluíu o lobo da protección especial. “Non queremos erradicar o lobo. Queremos evitar que actúe sen control. As manadas xa se moven de día, con sete ou oito exemplares xuntos, e causan medo incluso no Camiño de Santiago”, sinalou. “A situación está a afectar non só aos gandeiros, tamén á imaxe turística do municipio”.

Xa solicitaron autorización para esperas controladas e futuras batidas, en coordinación co Tecor local. “A conselleira veu ver os danos persoalmente e esperamos que a Xunta reaccione. As explotacións non poden depender dun seguro: o que se perde é insubstituíble a curto prazo”, denunciou.

Vivenda, fibra e obras locais

Entre os asuntos máis positivos, o alcalde destacou a cobertura de fibra óptica no 100% do territorio municipal, grazas a un convenio con Red Abierta. “Se algún veciño detecta que non ten acceso, que nos avise. Poñemos os postes necesarios onde faga falta”.

Tamén anunciou a rehabilitación de varios bloques de vivendas na zona da gasoliñeira en Arca e a posible promoción de vivienda pública para mozos. “Temos solo dispoñible para entre 6 e 8 vivendas de promoción autonómica”, confirmou.

No eido das obras, están a ultimar os proxectos para a nova convocatoria da Deputación da Coruña, con actuacións en beirarrúas, estradas e sendas peonís.

Un punto de encontro popular

Para rematar, o rexedor lembrou a celebración da romaría do Partido Popular da provincia da Coruña, que terá lugar o sábado 24 de maio no Pino. “É unha xornada para desconectar dos problemas, intercambiar ideas e compartir entre cargos, simpatizantes e veciños. O ano pasado xuntámonos case 5.000 persoas”, contou. Confirmou tamén a presenza de representantes do partido a nivel provincial, autonómico e nacional.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *