AD

Actualidad

Marcos Ferro xa prepara o mundial de Tokio: “É un orgullo levar os pementos de Herbón tan lonxe”

today7 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • O barman padronés, responsable do Botánico Coffee & Cocktail, representará a España tras gañar o SIP Supernova Spain 2026 cun cóctel que conecta Padrón con México a través da historia dos pementos de Herbón

O barman padronés Marcos Ferro, responsable do Botánico Coffee & Cocktail, será o representante de España no campionato mundial de coctelería en Tokio, ao que viaxará a comezos de maio, tras proclamarse gañador do SIP Supernova Spain 2026, un dos certames máis prestixiosos para novos talentos do sector.

Ferro acadou este recoñecemento cun cóctel que destaca pola súa creatividade e identidade local, ao incorporar pementos de Herbón nunha reinterpretación do clásico “Paloma”. Unha proposta que, segundo explica, combina “toques herbais e incluso picantes do pemento” cun resultado “equilibrado e moi fácil de beber”.

O padronés recoñece que afrontaba o concurso sen grandes expectativas. “Iba practicamente sen moitas expectativas, porque dende un local pequeno como o noso é complicado competir a este nivel”, sinala, polo que a vitoria supón para el “un orgullo”.

Máis alá do sabor, un dos aspectos decisivos foi a historia que acompañaba ao cóctel. Ferro apostou por poñer en valor a orixe dos pementos de Herbón e a súa conexión con México, país de procedencia do tequila empregado. Nese relato, explicou como un monxe franciscano do convento de Herbón viaxou a México como misioneiro, onde atopou un tipo de pemento que posteriormente trouxo a Galicia, adaptándose co tempo ás condicións climáticas da zona e dando lugar aos actuais pementos de Herbón. “Busquei esa conexión real”, sinala, unha ligazón que resultou clave para convencer ao xurado.

Esa coherencia entre produto, territorio e relato foi especialmente valorada nun certame no que non só conta o sabor, senón tamén a capacidade de construír unha historia sólida, aliñada cos valores da marca e coa tradición e sustentabilidade.

A receita inclúe un cordial de pemento de Herbón, elaborado mediante un proceso que require varios días de preparación, ademais de elementos como caramelo e perlas de pemento que completan a experiencia. “É bastante divertido á hora de tomalo”, apunta.

Tras a vitoria, Marcos Ferro prepara xa a súa participación no mundial, onde competirá con representantes doutros países. “É unha oportunidade única, destas que igual só pasan unha vez na vida”, asegura, nun momento no que compaxina esa preparación co intenso ritmo de traballo no seu local.

E é que o día a día no Botánico Coffee & Cocktail está marcado estes días por unha gran afluencia de público, especialmente durante as festas da Pascua de Padrón, que están a deixar un elevado volume de actividade.

Neste contexto, o barman adianta que o cóctel gañador poderá degustarse proximamente no establecemento, unha vez remate este período, xa que a súa elaboración require tempo e un proceso coidado.

Mentres tanto, o recoñecemento xa está a ter unha notable repercusión entre a clientela. “Vén moita xente felicitar, tanto coñecidos como clientes. Ao final é publicidade para o local, pero tamén para o pobo”, destaca.

Con Tokio no horizonte, Marcos Ferro afronta este reto coa ilusión de aproveitar unha oportunidade única, dar o mellor de si e levar ao escenario internacional a historia, a tradición e o sabor de Padrón.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *