AD

Actualidad

Marta Abal acusa ao goberno de Sanmartín de improvisar na xestión dos comedores escolares

today16 octubre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Marta Abal advertiu de que o actual contrato remata en xuño de 2026 sen posibilidade de prórroga e criticou que o goberno de Goretti Sanmartín “aínda non teña definido o novo modelo de xestión nin informado ás familias”.
  • A concelleira socialista reclamou “planificación e transparencia” para garantir a continuidade dun servizo do que dependen máis de mil xantares diarios.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025. A concelleira socialista Marta Abal advertiu este xoves da “falta total de planificación e transparencia” do goberno de Goretti Sanmartín respecto ao futuro dos comedores escolares, cuxo contrato remata en xuño de 2026 sen posibilidade de prórroga. “En menos dun ano, o 30 de xuño de 2026, remata á prórroga do servizo de comedores escolares sen posibilidade dunha nova prórroga”, recordou. “Deste servizo dependen máis de 1000 xantares diarios e en torno a 300 almorzos diarios”, engadiu.

Abal lamentou que “tras máis de dous anos de goberno, non temos información pública de como se vai xestionar este servizo a partir do curso 2026-2027” e acusou ao executivo local de “non mover ficha” nun asunto “esencial para a alimentación, a saúde e a conciliación de centos de familias compostelás”.

A edil subliñou que os socialistas defenden que “a Xunta de Galicia debe asumir este servizo, como fai noutras cidades como Ourense, porque isto forma parte do currículo educativo”. Porén, sinalou que “a Xunta nin está, nin se espera neste asunto, co cal teráse que seguir prestando polo Concello de Santiago”.

“Sen control, non hai calidade”

O grupo socialista reclama ao goberno local que acredite o control do contrato actual e o cumprimento dos compromisos da empresa concesionaria. “Queremos verificar que se están cumprindo aspectos esenciais como as ratios de monitores e as melloras ofertadas pola empresa: o 50% de produto fresco, o 70% de produto de tempada e o 70%, cando menos, de produto da contorna”, explicou. “Sen control, non hai calidade”, advertiu.

Sen avances nin información sobre o novo modelo

Abal censurou que “non se saiba nada” sobre o futuro modelo de xestión. “Non sabemos nada da localización da cociña central, da licitación da obra nin do cronograma previsto, que debería estar rematada en setembro de 2026”, dixo. Tamén advertiu da falta de previsión na compra de alimentos, na loxística de distribución e na creación do persoal necesario. “O certo é que tiveron tempo abondo para facelo e hoxe seguimos sen respostas”, lamentou.

A socialista tamén cuestionou que non exista unha avaliación económica do novo modelo. “É importantísimo saber se vai subir o prezo que pagan as familias e canto se vai subir”, apuntou.

“Improvisación e opacidade”

Abal concluíu que “estes son servizos esenciais que requiren planificación e non opacidade” e advertiu que “o que nos tememos é que non é tanto que exista opacidade, senón que non saben moi ben por onde van ir e que boten man da improvisación”.

As e os socialistas reclaman que o goberno de Sanmartín “antes de que remate o ano, faga público onde se vai localizar a cociña central, os prazos de construción, o modelo de compra de alimentos e o impacto económico global”. “E se a cociña non chega a tempo, que nos digan cal é o plan B”, concluíu Abal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *