AD

Actualidad

Marta Abal: “Apoiamos un goberno de esquerda, pero non esta maneira de xestionar”

today30 enero, 2026

Fondo
share close
AD
  • A edil socialista critica a falta de proxectos, reclama solucións inmediatas ao problema da vivenda, denuncia a situación dos centros socioculturais e alerta da devolución de millóns de euros de fondos europeos.

A edil do grupo municipal socialista en Santiago de Compostela, Marta Abal, fixo un duro diagnóstico do estado actual da cidade durante a súa entrevista en Radio Líder Santiago, na que cualificou a situación municipal como unha etapa de “parálise importante” marcada pola falta de ambición política e de proxectos estratéxicos.

Segundo Abal, o goberno local “limítase a xestionar o ordinario” sen impulsar novas iniciativas que respondan aos principais problemas da cidadanía. “Temos a sensación de que estamos simplemente xestionando o día a día, sen ambición nin dilixencia”, afirmou, situando a política de vivenda como unha das grandes eivas do mandato actual.

A socialista sinalou que Santiago sofre un problema estrutural de acceso á vivenda e reclamou medidas inmediatas, máis alá de anuncios a longo prazo. Neste sentido, defendeu a creación dunha bolsa municipal de vivendas baleiras, inspirada en modelos xa implantados con éxito noutros territorios. “Non podemos mobilizar vivenda só con recargos ou incentivos negativos; hai que poñer tamén incentivos positivos enriba da mesa”, explicou.

Abal mostrouse favorable ao recargo sobre vivendas baleiras, pero advertiu de que esa medida debe ir acompañada de políticas activas que xeren confianza na administración local. “Temos que demostrarlle á cidadanía que pode confiar no Concello de Santiago”, subliñou, insistindo en que a mobilización da vivenda baleira pode dar resultados a curto prazo se se actúa con rigor.

Outro dos puntos centrais da entrevista foi a crítica ao funcionamento interno do goberno municipal, que tanto socialistas como populares cualifican de “bunkerizado”. Segundo Abal, esta percepción non nace só da oposición política, senón da propia veciñanza. “É o que nos di a xente: falta información, falta transparencia e falta escoita”, asegurou.

Como exemplo desta falta de comunicación citou a retirada da escultura da maternidade na contorna de Área Central, realizada sen aviso previo á veciñanza. “Retirouse para arranxala, pero non se informou. En Santiago hai un asociacionismo moi forte que merece respecto”, indicou.

Especialmente contundente foi a súa intervención sobre a situación dos centros socioculturais, que cualificou de “gravísima”. Abal denunciou que o goberno municipal está permitindo prórrogas a empresas incumpridoras e alertou de que traballadoras e traballadores levan meses sen cobrar. “Hai familias que levan sen cobrar dende outubro. Isto é moi grave e non é normal”, advertiu.

Tamén criticou a eliminación da reserva de contratos para centros especiais de emprego, unha decisión que, segundo explicou, incumpre acordos anteriores da propia Xunta de Goberno municipal. “Un goberno que presume de social suspende estrepitosamente nesta materia”, afirmou.

No ámbito deportivo, Abal reclamou a elaboración urxente dun plan director de instalacións deportivas, que permita planificar con antelación e aplicar criterios de discriminación positiva para o deporte feminino e disciplinas minoritarias. “Os clubs fan un traballo brutal de conciliación e coidado das nosas fillas e fillos; temos que acompañalos”, destacou.

Un dos datos máis alarmantes expostos pola edil socialista foi a perda de 3,6 millóns de euros de fondos europeos, que atribuíu á falta de xestión e valentía do executivo local. “Hai que ser ambiciosos e intentalo por todos os medios; este goberno está a devolver fondos que se conseguiron no mandato anterior”, criticou.

No plano económico e turístico, Abal mostrouse preocupada pola caída das pernoctacións e pola situación do aeroporto, advertindo de que Santiago non pode permitirse perder peso como destino de congresos. “Temos infraestruturas moi potentes, pero faltan servizos, mobilidade e unha estratexia clara”, sinalou.

Abal tamén quixo aclarar a posición do PSOE con respecto ao actual executivo municipal, rexeitando que o seu grupo forme parte do goberno local. A edil socialista defendeu a responsabilidade do seu partido á hora de facilitar a gobernabilidade, pero marcou distancias coa acción do executivo: “Apoiamos un goberno de esquerda, pero non esta maneira de xestionar”, afirmou, insistindo en que os socialistas non participarían nin avalarían unha xestión que, ao seu xuízo, carece de ambición, planificación e capacidade para impulsar o crecemento de Santiago como capital de Galicia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *