AD

Actualidad

Marta Abal: «Os centros socioculturais de Santiago viven o peor momento da súa historia»

today20 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • O Grupo Municipal Socialista esixirá no pleno deste mes que o Concello asuma de forma transitoria a xestión directa se a licitación queda deserta, como única vía para poñer fin á parálise do Goberno Bipartito e recuperar o servizo canto antes.
  • Os socialistas defenden esta medida excepcional como garantía para protexer os dereitos das persoas usuarias e das máis de 60 traballadoras e traballadores que permanecen atrapados nunha situación sen solución.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026. O Grupo Municipal Socialista defenderá no pleno ordinario deste mes unha iniciativa para que o Concello asuma directamente a xestión do Servizo de Animación e Dinamización dos Centros Socioculturais no caso de que a actual licitación quede deserta, unha situación que, ao seu xuízo, evidencia o fracaso na xestión do Goberno Bipartito.

Segundo explicou a concelleira socialista Marta Abal, o Grupo Municipal Socialista defenderá no pleno que, “no caso de que a actual licitación do Servicio de Animación e Dinamización dos Centros Socioculturais quede deserta”, sexa o propio Concello quen dea un paso á fronte e “asuma directamente a xestión do servizo con carácter transitorio e ata a formalización dun novo contrato para restablecelo canto antes”, co obxectivo de “garantir os dereitos das persoas usuarias e das traballadoras e traballadores do servizo”.

A edil subliñou que esta vía non é unha improvisación, xa que “é posible e hai antecedentes recentes”, polo que considera que neste momento “fai falta valentía política e decisión” para actuar e desbloquear unha situación que cualificou de límite.

Desde o grupo socialista sitúan a proposta no contexto dunha rede municipal que, segundo advertiu Abal, atravesa unha crise sen precedentes. A concelleira asegurou que “a situación que se está a vivir nos Centros Socioculturais é dramática” e advertiu de que Santiago está “no peor momento da súa historia”, responsabilizando directamente ao executivo local de que “con cada decisión que adopta o Goberno Bipartito do Bloque Nacionalista Galego e de Compostela Aberta a situación aínda vai a peor”.

Como consecuencia, segundo detallou, existen “Centros Socioculturais sen actividades e máis de 60 traballadoras e traballadores, máis de 60 familias, atrapadas nun bucle sen saída, sen cobrar, é sen posibilidade de acceder á prestación por desemprego”, unha realidade que, ao seu xuízo, evidencia a falta de capacidade de anticipación e de xestión política do goberno da señora Sanmartín.

Para as e os socialistas, a resposta non pode demorarse máis. Abal insistiu en que “non podemos seguir agardando” e defendeu que “hai que actuar xa con cabeza e con sentido común para recuperar o servizo e protexer a quen o sostén e a quen o necesita”.

A proposta dos socialistas pasa por unha xestión directa de carácter provisional e limitada no tempo, unha medida que a concelleira definiu como “excepcional pero necesaria e con encaixe xurídico para saír deste bloqueo canto antes”, insistindo en que o executivo local debe decidir se continúa instalado na parálise ou actúa para recuperar a normalidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *