Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 abril, 2025
A deportista destacou no seu discurso a honra de representar ao seu pobo e puxo en valor o papel das mulleres locais como referentes para as novas xeracións.
O Concello reafirmou o seu compromiso coa igualdade e o talento feminino nun acto conducido pola creadora de contido Sara Seco.
A praza de Macías acolleu o pregón e o comezo oficial dunhas festas que continuarán ata o 27 de abril co domingo de Pascuilla.
Nesta intensa xornada tamén se celebrou a XLIV Carreira de Pascua, a 52ª Feira de Maquinaria e os concertos das orquestras La Fórmula e Unión y Fuerza.
Padrón, 19-4-2025. O Concello de Padrón celebrou este sábado 19 de abril o acto inaugural das tradicionais Festas de Pascua, dando comezo de forma oficial a unha programación que se prolongará ata o 27 de abril cun amplo abano de propostas culturais, deportivas e musicais para todos os públicos.
A xornada comezou cun acto simbólico: a triatleta padronesa Martina López Gestal asinou no Libro de Honra do Concello, recoñecendo así a súa traxectoria deportiva e o seu vínculo coa vila.
O alcalde Anxo Arca deu a benvida oficial ás festas, agradecendo o esforzo do persoal do Concello, Protección Civil, forzas de seguridade e veciñanza pola súa dedicación.
Ás 21:00 h, Martina López leu un emotivo pregón no que afirmou:
“Como padronesa é evidente a honra tan grande que supón ser a pregoeira das Festas da Pascua de Padrón. Non atopo palabras de agradecemento suficientes cara ao meu Concello e síntome moi orgullosa de pertencer a un pobo que non só pon en valor o papel da muller local, senón que tamén se esforza por visibilizala, creando referentes para as xeracións presentes e futuras de mulleres da nosa contorna”.
A deportista, campioa de España de media distancia na súa categoría en 2021, foi presentada pola creadora de contido Sara Seco Rial, recoñecida polo seu traballo en TikTok e galardoada no certame Youtubeiras +.
Tamén se celebrou a XLIV Carreira de Pascua, con máis de 600 participantes, sendo vencedores Tina Fernández (SD Compostela Atletismo) e Nico Domínguez (Club Atletismo Sar). Inaugurouse ademais a 52ª Feira de Maquinaria Agrícola e Industrial.
A música chegou coa actuación das orquestras La Fórmula e Unión y Fuerza, enchendo de festa o Fondo de Vila e o paseo do Espolón.
Domingo de Pascua: Haberá pasarrúas, Feira Cabalar con concursos e doma de alta escola, música da Banda Municipal e actuacións das orquestras Magos, París de Noia e Renovation Experience by Ricky Galende.
Toda a programación pode consultarse en www.padron.gal e nas redes sociais do Concello.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)