Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 marzo, 2026
A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, forma aos futuros médicos da comunidade na cura termal. Dentro desta iniciativa, o balneario de Compostela, situado na localidade coruñesa de Brión, acolle esta fin de semana -6 e 7 de marzo- unhas xornadas centradas nos beneficios da balneoterapia para tratar doenzas respiratorias e dermatolóxicas, así como a depresión. Un grupo de alumnos da Universidade de Santiago coñecerán os seus efectos terapéuticos para abordar este tipo de enfermidades.
En relación ás patoloxías respiratorias, os responsables médicos do balneario salientan que “as augas mineromedicinais contribúen a diminuír a inflamación das mucosas, eliminan a mucosidade e aumentan a capacidade pulmonar; polo que resultan de interese para curar a farinxite, a larinxite, a sinusite e as afonías, entre outras doenzas do aparato respiratorio como a EPOC ou a asma”. Así, indican que, en función da vía que se quere tratar, fanse inhalacións, fisioterapia na auga ou mesmo pódense aplicar parafangos.
No caso particular das doenzas dermatolóxicas, no balneario de Compostela empregan peloides termais, que resultan de mesturar a parte activa da auga mineromedicinal con arxila. Esta técnica aplícase en especial para o tratamento da psoríase e da dermatite atópica seborreica, procesos nos que a pel se amosa inflamada e reactiva. Os médicos do balneario aseguran que se logran resultados moi satisfactorios xa no primeiro mes de tratamento. “Desaparece o prurito, as lesións van mellorando e aparece a pel sa na maior parte do corpo. Chegan a desaparecer máis do 80% das lesións” -resaltan-. Segundo estes profesionais, para conseguir resultados efectivos a longo prazo precísanse de dous ou tres ciclos de 21 días -coincidindo co recambio celular da pel- a días alternos e cunha semana de descanso.
A aplicación de calor mellora o sono e o estado anímico das persoas afectadas por unha depresión
O balneario de Compostela realizou un estudo sobre os efectos terapéuticos das augas termais na depresión, en colaboración coa facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago e os centros de saúde de Brión e Bertamiráns. Este proxecto piloto levouse a cabo cunha selección de pacientes que pesentaban depresión moderada ou severa e non tomaban medicación.
Os médicos do balneario explican que as persoas con depresión sofren unha alteración na súa temperatura corporal, de xeito que, cando se someten a un tratamento con auga a 40 ºC, o organismo libera unha substancia que fai que a temperatura corporal diminúa, cos consecuentes efectos positivos para estes doentes. “Os resultados indícannos que mellora tanto o sono como a sensación anímica” -afirman-.
Os participantes realizarán prácticas no balneario con peloides, parafangos, envolturas e presoterapia
As xornadas comezan o venres ás 16:00 horas cun percorrido pola historia do balneario e das súas augas, da man da doutora Concepción San Martín. De seguido, os futuros facultativos realizarán unha visita ás instalacións do centro. Logo terán unha nova charla sobre o tratamento terapéutico respiratorio, concluíndo con prácticas termais no balneario.
O sábado coñecerán cales son as principais innovacións no sector termal, en particular no referente ao uso de peloides. Terán a oportunidade de recibir diversos tratamentos en seco como peloides, parafangos, envolturas e presoterapia. Logo achegaranse aos principais efectos terapéuticos das augas mineromedicinais na depresión. A xornada concluirá cunha sesión práctica no balneario.
Escrito por Líder Redacción
Balnearios Galicia dermatite atópica Doenzas da pel psoríase


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)