AD

Actualidad

Merelles: “Galicia é agora mesmo referente en turismo musical e cultural en toda España”

today7 julio, 2025

Fondo
share close
AD

 

  • O director de Turismo, Xosé Manuel Merelles, destaca que “Galicia é pioneira no turismo de festivais”, e que a cultura, xunto coa gastronomía e o interior, son clave para o que pode ser “o mellor verán turístico da historia”.
  • Galicia enche o verán de música: máis de 120 concertos e 70 festivais impulsados pola Xunta mobilizarán a 800 artistas

Galicia prepárase para vivir un verán sen precedentes no eido turístico e cultural. O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, afirmou en Radio Líder Santiago que a nosa comunidade contará con máis de 120 concertos e festivais durante os próximos meses, repartidos por 70 localizacións distintas e mobilizando a máis de 800 artistas nacionais e internacionais.

“Estamos a falar dun fenómeno que se consolidou nos últimos anos e que agora podemos chamar con orgullo turismo de festivais made in Galicia”, explicou Merelles. Este verán, escenarios como o Monte do Gozo acollerán citas de primeiro nivel como a pasada fin de semana con Maná e David Guetta, pero tamén hai espazo para eventos como o Resurrection Fest en Viveiro, o Sinsal na illa de San Simón ou o PortAmérica, entre moitos outros.

Segundo os datos da Xunta, desde 2022 máis de 2,5 millóns de persoas participaron en eventos patrocinados por Turismo de Galicia, un impulso que non só dinamiza a oferta cultural, senón tamén a ocupación hoteleira, a restauración e o comercio local: “Estamos a conseguir que o turismo sexa sostido ao longo de todo o ano”, subliñou Merelles.

Merelles tamén destacou a aposta polo turismo de interior, sinalando que “hai un gusto crecente por descubrir as aldeas e o patrimonio menos coñecido de Galicia”. Esta liña de promoción tivo especial protagonismo en FITUR, con iniciativas centradas en destacar a cultura, natureza e hospitalidade do interior galego.

“Galicia non é só costa. Hai moito interior por descubrir e celebrar, con festas, tradicións e paisaxes únicas”, afirmou.

Ademáis, Merelles anunciou que “este pode ser o mellor verán da historia do turismo galego”, cunha previsión de ocupación entre o 75% e o 90%.

Gastronomía e enoturismo: sabores que atraen visitantes

Outro dos piares fundamentais é a gastronomía. “Agora mesmo é a segunda motivación para visitar Galicia, despois da natureza”, dixo Merelles. Eventos como o Show Cooking Sete Cidades, Sete Sabores ou a súa versión internacional en O Porto poñen en valor a riqueza culinaria da comunidade.

E o enoturismo non se queda atrás. Con 24 millóns de euros investidos a través dos fondos Next Generation, a Xunta está a consolidar este produto turístico. “Temos cinco denominacións de orixe que se están a converter en destinos por si mesmos”, asegurou.

O Camiño de Santiago segue tamén en forma: “Está máis vivo ca nunca. Cada vez hai máis estranxeiros e máis xente que repite. Non é só unha cuestión de cifras, é unha experiencia vital que Galicia ofrece ao mundo”, declarou.

Sobre a posible implantación dunha taxa turística, indicou que Santiago e A Coruña están traballando nos seus plans, pero pediu “responsabilidade, diálogo e que se utilice para mellorar a xestión turística, non como un imposto máis”.

En relación coa futura taxa turística que pretenden aplicar algúns municipios galegos como Santiago de Compostela ou A Coruña, Merelles insistiu na necesidade de actuar con sentido común e planificación. “O que fixemos foi poñer á disposición dos concellos a posibilidade de establecer este imposto”, explicou, matizando que a súa implantación debe facerse “con diálogo coa cidadanía e co sector hostaleiro, e cun reparto xusto da recadación”.

O director de Turismo de Galicia advertiu que calquera medida mal xestionada podería afectar á consolidación do destino Galicia, polo que pediu “responsabilidade aos concellos para que non sexa un imposto máis, senón un instrumento útil para mellorar a oferta turística, a sostibilidade e a xestión dos recursos no territorio”.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *