Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 enero, 2026
Xose Manuel Merelles, á esquerda, xunto a Manuela Hermo, directora do Gran Hotel Los Abetos e Álvaro Veiga, director de Radio Líder Santiago
O director xeral de Turismo de Galicia destaca o crecemento sostido do sector, a internacionalización do destino, o papel clave do Camiño de Santiago e os grandes retos de futuro como o Xacobeo 2027 e o eclipse total de 2026.
Galicia pecha 2025 como un dos mellores anos da súa historia turística. Así o asegurou Xosé Manuel Merelles, director xeral de Turismo de Galicia, quen avanzou que, a falta dos datos definitivos de decembro, o ano pechará cun incremento arredor do 2 % tanto en visitantes como en ocupación hoteleira. “Estamos medrando de maneira sostida, o que nos permite consolidarnos como un destino sólido no panorama español”, afirmou durante a entrevista.
Merelles restou dramatismo á implantación da taxa turística en cidades como Santiago ou A Coruña e defendeu que “o mundo non se cae coa incorporación da taxa turística”, sempre que exista diálogo e que os recursos revertan na mellora da oferta turística. Ao mesmo tempo, subliñou a crecente internacionalización do destino Galicia, que xa supera o 30 % de visitantes estranxeiros. “Son os que máis gastan: mentres a media está en 114 euros diarios, os estranxeiros chegan aos 170, e os norteamericanos aos 228 euros”, explicou.
O Camiño de Santiago segue a ser o gran escaparate internacional de Galicia. O director xeral confirmou que 2025 será o ano con máis peregrinos da historia, superando os 530.000. “É o mellor escaparate que temos non só para Compostela, senón para todo o territorio galego”, destacou, engadindo que máis do 50 % dos peregrinos xa proceden do estranxeiro.
Coa mirada posta no Xacobeo 2027, Merelles avanzou que a Xunta xa ten en marcha os instrumentos habituais, como os incentivos fiscais para empresas e a preparación da programación. Sobre a posible visita do Papa, mostrouse prudente pero optimista: “Non se descarta, todo pinta ben, e sería algo extraordinario para un Ano Santo”.
Outro dos eixos da entrevista foi a aposta polo Nadal en Galicia como produto turístico consolidado. “Hai dez anos non era unha época habitual de visita, e hoxe decembro é un mes con alta ocupación grazas aos mercadiños, beléns e aldeas de Nadal”, sinalou. Tamén puxo en valor a diversidade climática galega, desde a neve en Manzaneda ata os veráns frescos, “un reclamo cada vez máis importante fronte ás temperaturas extremas doutras zonas”.
No ámbito cultural, Merelles destacou o impacto dos concertos do Xacobeo, con máis de 185 eventos en 76 localidades ao longo do ano, moitos deles fóra da tempada alta. “Foron máis dun millón e medio de persoas as que asistiron aos concertos e festivais patrocinados pola Xunta, unha ferramenta clave para combater a estacionalidade”, afirmou.
Finalmente, anunciou un novo fito turístico: o eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, que se poderá observar de maneira privilexiada en Galicia. “Pode converterse nun dos grandes reclamos turísticos do ano e xa estamos a traballar a nivel interdepartamental para garantir seguridade e organización”, explicou, lembrando que se agarda a chegada de visitantes de toda España e do norte de Portugal.
Merelles pechou a entrevista cunha mensaxe clara para o futuro inmediato: “O turismo achega xa máis do 10 % do PIB e do emprego en Galicia; para seguir avanzando precisamos menos confrontación política e máis colaboración institucional”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)