Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 febrero, 2024
Un estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro que indica que arredor do 15% da poboación desta localidade está exposta ao ruído do tráfico
“Eliminar o tráfico pesado foi un primeiro paso dun proceso que rematará coa humanización da travesía”
Ames, 9 de febreiro de 2024.- O Concello de Ames realizou en 2018 un estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro que indica que arredor do 15% da poboación desta localidade está exposta ao ruído do tráfico que soporta a avenida de Rosalía de Castro. Neste estudo detállese a repercusión que ten para a veciñanza de Ames o tránsito de máis de 30.000 vehículos diarios pola travesía do Milladoiro. A isto hai que sumarlle a emisión de CO2 dos vehículos que circulan por este tramo da N-550. Dende o Goberno municipal apelan a este estudo para manifestar unha vez máis a necesidade de humanizar a avenida de Rosalía de Castro xa que repercutirá de xeito positivo na saúde da veciñanza do Milladoiro.
“A humanización do Milladoiro é unha cuestión de saúde pública e de seguridade. Este é un proxecto moi demandado e traballado que vai ter un impacto incalculable na saúde e na calidade de vida dos veciños”, explica o alcalde de Ames, Blas García. “Eliminar o tráfico pesado foi un primeiro paso dun proceso que rematará coa humanización da travesía. A día de hoxe son miles as persoas que sofren as nefastas consecuencias do ruído e das emisións de CO2, cada día en aumento”, explica o rexedor. “Que non se realice esta humanización por unha reclamación de tipo económico da Xunta de Galicia co Goberno de España é poñer prezo á saúde das nosas veciñas e veciños”
Estudio acústico da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro
O Concello de Ames realizou un estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro. A poboación exposta a valores superiores a 65 dB(A) para os períodos de día, vespertino, e para valores superiores a 55 dB(A) para o período nocturno, está por debaixo dos Obxectivos de Calidade fixados pola normativa vixente en canto a ruídos para edificios residenciais.
Así durante o día, 776 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 857 persoas a valores de 70 – 75 dB(A). Pola tarde, 1.281 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 210 persoas a valores de 70 – 75 dB(A). Pola noite, 489 persoas están expostas a valores de 55 – 60 dB(A), 1.238 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 12 persoas a valores de 70 – 75 dB(A).
Trala realización de dito estudo, pódese observar que a poboación exposta a ruído nas seccións censais lindeiras coa estrada N-550 aproxímase ao 15%. Ademais, realizouse a análise de poboación exposta tras a completa eliminación do tráfico de vehículos pesados (de peso superior a 3,5 Tm) polo tramo de estrada obxecto de estudo, obténdose reducións de ao redor dun 11% nos períodos día e tarde e dun 6% en noite.
Ensaios de ruído e cálculos de vehículos
Para a realización de dito estudo consideráronse todos os edificios comprendidos en cada unha das seccións censais lindeiras coa estrada N-550 ao seu paso polo concello de Ames. Realizouse sobre o distrito número tres, dividido en seis seccións, no que residían preto de 12.000 persoas. Para elo realizáronse ensaios de ruído e cálculos de vehículos durante os días 12 e 14 de xuño de 2018. Procedeuse a calcular tanto a Intensidade Media Diaria (IMD) como a Intensidade Media Horaria (IMH) nos diferentes períodos do día (día: de 07:00 a 19:00h; tarde: de 19:00 a 23:00h; e noite: de 23:00 a 07:00 horas). Para este estudo estableceuse unha Intensidade Media Diaria de tráfico (IMD) de hipótese de 29.090 vehículos.
Doutra banda, observouse unha distribución do tráfico diferente en función do sentido de circulación. Por iso, simulouse a estrada considerando dobre eixo e asignando a cada un deles os seguintes datos de tráfico: IMD dirección Padrón de 14.545 vehículos (IMH día 812 vehículos; IMH tarde de 764 vehículos; e IMH de noite de 218 vehículos); e IMD dirección Santiago de 14.545 vehículos (IMH día 945 vehículos; IMH tarde de 618 vehículos; e IMH de noite de 91 vehículos). Estes foron os datos de tráfico empregados para a simulación.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)