Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 febrero, 2026
Cinco anos despois do seu último traballo, a cantante arzuá estrea Je tiens bon, un álbum nacido dunha profunda transformación persoal. A cita será este domingo ás 12.30 horas en Arzúa, na 51ª edición desta cita gastronómica e cultural.
Cinco anos despois do seu anterior traballo discográfico, MJ Pérez inicia unha nova etapa coa estrea de Je tiens bon, o seu quinto álbum de estudo, nun escenario especialmente simbólico.
Durante a entrevista en Radio Líder Santiago, a artista recoñeceu que non hai mellor maneira de abrir este novo capítulo. “Non hai ningunha opción como presentalo na casa, na miña vila”, afirmou.
O disco chega tras un período complexo na súa traxectoria. “Pasei por unha etapa de estar absolutamente perdida”, confesou. A pandemia, a desconexión co anterior traballo e unha profunda crise creativa levárona a replantexarse o camiño. “Ás veces, para construír ben, hai que botar todo abaixo”.
Ese proceso serviulle tamén para reconciliarse coa artista que comezou hai máis de dez anos “con moita ilusión e cero pretensións”. Durante un tempo, admite, deixou que condicionantes externos influisen nas súas decisións. Agora téñeo claro: “Vou seguir o que me pide o corazón. Se non hai verdade, o público non conecta”.
O título Je tiens bon resume esa nova mirada. Manterse firme, si, pero desde outra perspectiva. “Hai que seguir loitando, pero escollendo mellor as batallas. Enfrontar a vida dende a calma, porque o outro só leva á frustración”, reflexionou.
O álbum combina canción de autora, pop, rock, música de raíz e ritmos latinos e brasileiros. A pesar da diversidade estilística, MJ sinala que hai unha esencia que permanece. “Debe ser o xeito de narrar, o xeito de cantar. Hai algo que segue aí”.
O traballo aborda cuestións como a precariedade, a vivenda imposible ou o esgotamento dunha xeración que medra entre incertezas, tamén desde a súa propia experiencia como autónoma no sector cultural. “Detrás dos artistas hai un sacrificio vital. O público e nós estamos na mesma trincheira”, asegurou ao falar desa realidade que atravesa o disco.
Ao tempo, Je tiens bon percorre emocións moi diversas —amor e desamor, rabia e alegría, loita, ironía e reflexión íntima— nun diálogo constante entre vivencia persoal e mirada social.
Por primeira vez na súa discografía, incorpora poesía musicada, establecendo unha ponte explícita entre Galicia e Portugal con Rosalía de Castro e Florbela Espanca. No caso de Rosalía, a musicalización xurdiu tras a morte dun amigo. “Era o que quería dicir cando me faltaban as palabras”, explicou. Con Florbela, o descubrimento levou a unha samba que reivindica unha autora adiantada ao seu tempo.
O disco é tamén un proxecto construído en compañía. Na banda que a acompaña no directo están Iván Bernárdez ao baixo, Ailén Kendelman na percusión e Alberto Romero na guitarra. No álbum participan ademais voces como Adhara Caamaño, Nastasia Zürcher, Noelia Perpetuo, Sofía Espiñeira e CRUA, baixo a produción de Peter Petrowski, xunto á instrumentación de Mauro Gómez, Carolina Costa, Margarida Mariño, Richi Casás, María López e Xiana Naval. Ao referirse a estas colaboracións, foi clara: “Tiña moitísimas ganas de contar con elas”.
Na recta final da entrevista, preguntámoslle que lle diría hoxe aquela rapaza que comezou hai máis de dez anos “con moita ilusión e cero pretensións”, á que ela mesma fixo referencia nas súas redes ao anunciar o disco. A resposta foi directa e honesta: “Só espero que se sinta orgullosa, que vexa que volvín conectar con ese foco que me trouxo ata aquí”.
Ese reencontro é tamén o que quere compartir co público este domingo. “Que se deixen empapar deste álbum”, pediu, convidando a achegarse sen etiquetas e con curiosidade. “Seguro que van atopar algo nestes temas”.
Tras a cita deste domingo ás 12.30 horas en Arzúa, o seguinte concerto confirmado será o 25 de abril na Sala Rebullón, en Moaña, nun directo no que contará coa participación das CRUA.
Escrito por Líder Redacción
arzua Festa do Queixo Arzúa Je tiens bon MJ Pérez MJ Pérez Je tiens bon


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)