Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Este venres, 31 de outubro, ás 20.30 horas, chega á Casa da Cultura de Bertamiráns a representación de “Mofa e Befa: Os dous de sempre. O Regreso”, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, unha representación incluída dentro da programación do Concello de Ames con motivo do Ano Castelao
Esta peza de comedia teatral na que se mestura sátira e cultura popular, dirixida por Quico Cadaval e a dramaturxia a cargo de Carme Varela, homenaxea o universo humorístico de Castelao a través das personaxes de Pedriño e Rañolas, interpretadas por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira
Ames, 29 de outubro de 2025.- Este venres, 31 de outubro, ás 20.30 horas, chega á Casa da Cultura de Bertamiráns a representación de “Mofa e Befa: Os dous de sempre. O Regreso”, da compañía Producións Teatrais Excéntricas. A peza, dirixida para público adulto e incluída dentro da programación do Concello de Ames en conmemoración do Ano Castelao, conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames para o segundo semestre do ano.
Neste 2025 estase a celebrar o Ano Castelao, en homenaxe polo 75 aniversario do pasamento deste ilustre personaxe da cultura galega. Dentro da programación do Concello de Ames a dita conmemoración, está incluída a representación que terá lugar este venres, 31 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, “Mofa e Befa: Os dous de sempre. O regreso” de Producións Teatrais Excéntricas.
Producións Teatrais Excéntricas construíu os seus últimos éxitos adaptando para o teatro grandes figuras da literatura galega. Así, a teatralidade do Porco de Pé de Vicente Risco e o Auto do Castromil de Manuel María, foron as pezas escollidas pola compañía en ocasións anteriores, chegando a ter máis de 120 funcións por toda a xeografía galega. Desta volta, foi a quenda do ilustre Castelao con dous dos seus personaxes máis característicos dentro da súa faceta humorística.
Sinopse de “Mofa e Befa: Os dous de sempre. O regreso”
Esta peza de comedia teatral na que se mestura sátira e cultura popular, dirixida por Quico Cadaval e a dramaturxia a cargo de Carme Varela, homenaxea o universo humorístico de Castelao a través das personaxes de Pedriño e Rañolas, interpretadas por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A peza tamén conta coa interpretación de Jostio Porto.
Pedriño e Rañolas son dous amigos inseparables, antagónicos e entrañables: un é idealista e soñador, o outro materialista e pragmático. Son “os dous de sempre”, criaturas nacidas do papel e do humor gráfico de Castelao, agora traídas á escena por Mofa e Befa.
Nesta nova aventura, o dúo cómico máis emblemático do país, encarna os arquetipos da comedia galega, mesturando bufóns, pallasos, nenos e tolos nunha viaxe teatral tan divertida como fonda. A escena convértese nun espazo onde corpo e alma, risa e crítica, tradición e vangarda van dan a man. Un espectáculo para rir, pensar e celebrar o humor como patrimonio colectivo.
Sobre Producións Teatrais Excéntricas
Con máis de dúas décadas de experiencia sobre os escenarios e numerosos premios ás súas costas, Producións Teatrais Excéntricas é un proxecto no que o humor e a comedia xoga un papel fundamental de forma irónica e crítica. Así mesmo, a compañía serve como plataforma de creación dos espectáculos unipersoais de Quico Cadaval e os musicais de Piti Sanz.
Ao longo destes anos, a compañía realizou representacións por teatros e festivais de diferentes países. Así mesmo, recibiron numerosos recoñecementos e premios polas súas obras, destacando varios premios María Casares ou o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao Mérito nas Artes Escénicas no 2017.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)