Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 mayo, 2025
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025. Gonzalo Muíños asegura seguir centrado na actividade municipal e na fiscalización do goberno: “fronte o ruído e os intereses persoais duns poucos, nós seguimos traballando polo interese xeral”. Con esta declaración de intencións, o portavoz socialista en Raxoi reclamou este mércores coñecer os plans do goberno local respecto da xestión do servizo de multas, despois de ano e medio desde que o executivo de Sanmartín prorrogou o contrato e ante os 400.000 euros que, asegura, debe Raxoi á empresa responsable do servizo.
Desde o Grupo Municipal Socialista aseguran que a administración local debe á empresa máis de 10 facturas por un importe total que roza o medio millón de euros e, fronte a isto, lamentan, “seguimos sen unha solución no horizonte”. O portavoz socialista critica que non se avanzara nas conversas para acordar os termos dunha hipotética municipalización e que, a estas alturas, “non se coñezan informes rigorosos sobre os beneficios ou inconvintes” de esa fórmula.
Muíños reclama neste contexto ao goberno local que poña solución “inmediata” á situación de precariedade do contrato, elaborando uns pregos e licitando o servizo para rematar coa situación de interinidade da empresa. Unha vez iso teña lugar, “entón si” asegura o portavoz socialista, “poderemos comezar un debate serio ao que tampouco nos pechamos, pero que require tempo e o servizo non pode estar máis en precario”.
Custos para as arcas públicas da vía xudicial
O portavoz socialista advirte das consecuencias que esta situación, de prolongarse no tempo, podería ter nas arcas públicas. Explica que ante a débeda acumulada do Concello, a empresa podería recorrer á vía xudicial para reclamar o seu pago e, isto, “suporía maiores custos” para o Concello.
Muíños conclúe así reclamando que se axilice o pago das facturas pendentes, que terán que realizarse a través do mecanismo extraordinario do recoñecemento extraxudicial de crédito se os informes técnicos así o permiten, e que se saque a concesión pública o servizo en vistas de que a municipalización aínda non é unha opción viable ante a ausencia de informes que xustifiquen esa fórmula.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)