AD

Destacado

Muíños, Rosón, Castro e Álvarez: «Seguiremos como edís do PSOE»

today18 febrero, 2025

Fondo
share close
AD

COMUNICADO DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA RELATIVO Á EXPULSIÓN, NON FIRME, DE GONZALO MUÍÑOS, MERCEDES ROSÓN, MILA CASTRO E MARTA ÁLVAREZ.

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Santiago de Compostela non experimentará cambio algún na súa composición, logo de que o PSOE considerase elevar a definitiva a expulsión provisional das concelleiras Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez. Isto, toda vez que a resolución feita pública por parte do partido no día de hoxe non é firme: cabe, contra a presente, un recurso ante a Comisión Federal de Ética e Garantías nun prazo de dez días hábiles.

Ante isto, convén lembrar que o informe técnico-xurídico elaborado pola Secretaría Xeral do Pleno da Corporación, do 24 de xaneiro de 2025, di claramente que “non terán a condición de ‘non adscritos’ os concelleiros que non fosen sancionados coa expulsión firme do partido ou formación política cos que concorreron ás eleccións” e engade, ademais, que “admitir a posibilidade de que a decisión disciplinaria non firme ou temporal dunha formación política afectase á organización dunha Administración territorial como son os concellos suporía deixar á vontade dos partidos políticos a afectación ao funcionamento desa Administración, obviando a súa configuración constitucional e legal”

Conclúese, por tanto, que a resolución non é firme e, como consecuencia, non ten efectos organizativos no que se refire ao funcionamento normal do Concello de Santiago e do Grupo Municipal Socialista, polo que Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez seguirán sendo concelleiras adscritas a este grupo e, Gonzalo Muíños, o seu portavoz.

Isto, máis alá de que non existe resolución de ningunha organización que teña a facultade de cambiar os ideais e a ideoloxía duns representantes públicos que, alén de deberse á cidadanía que os elixiu, teñen o dereito e a liberdade de manter as súas conviccións políticas e éticas: e nós, SOMOS SOCIALISTAS.

Alén destas cuestións, convén aclarar os seguintes puntos:

1. O expediente de expulsión provisional, que agora se eleva a definitivo sen que teña carácter firme, nada ten que ver con aqueles primeiros expedientes nos que se cuestionaba a votación da ordenanza relativa ás Vivendas de Uso Turístico.

Este é un novo expediente que segue un proceso sumarísimo, baseado única e exclusivamente pola non asistencia das concelleiras a unha reunión convocada por Gumersindo Guinarte. Unha convocatoria, nula de pleno dereito, na que se pretendía acometer un cambio na portavocía, motivado nun expediente anterior -non concluso tampouco-, no que se suspendía de militancia a Gonzalo Muíños e, ilegalmente, se lle inhabilitaba para cargo público.

Unha xuntanza, como xa se dixo, nula de pleno dereito por ser convocada por quen non ostentaba a condición de portavoz municipal e por excluír da mesma a un dos seus membros, precisamente o lexítimo portavoz.

2. Os feitos e a súa cronoloxía, parecen acreditar que a polémica suscitada pola votación da ordenanza dos usos asimilados das VUTs era só unha cortina de fume e, o que se escondía detrás desa cuestión era a vontade pouco democrática de modificar arbitrariamente aos representantes institucionais no Concello de Santiago de Compostela. Como se a democracia se tratara dun xogo de intercambio de cromos.

3. O Grupo Municipal Socialista reafírmase na súa vontade de seguir traballando con lealdade e coherencia coa cidadanía de Santiago de Compostela á que representa. Non entendemos outra forma de facer política máis que a que procura o benestar común e pon o interese xeral por enriba de calquera consideración particular.

Uns intereses, os particulares, que son os que parecen estar detrás de toda esta campaña de deslixitimación dos concelleiros expedientados. E aos que agora, lamentablemente, semellan terse prestado a servir dous dos compañeiros do mesmo Grupo Municipal.

Sobra dicir que, ante a presente resolución, esgotaremos todas as vías de defensa á nosa disposición.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *