AD

Actualidad

Música e solidariedade: a Sala Capitol acolle a segunda edición de Amal por Gaza

today3 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

O concerto do 9 de outubro será a primeira das actividades dun mes no que tamén haberá cine, debates e exposicións organizadas pola Fundación Araguaney e o Festival Amal, coa solidariedade como eixo.

vindeiro 9 de outubro a Sala Capitol de Santiago acollerá a segunda edición de Amal por Gaza: Artistas galegas por Palestina, concerto solidario organizado pola Fundación Araguaney – Ponte de Culturas e o Festival Amal, que conta coa colaboración da USC e da SGAE. A cita inaugura un amplo programa cultural durante outubro, no que tamén se celebrará a Semana de Cine Euroárabe Amal, que este ano terá un acento especial en Palestina.

O director da Fundación Araguaney, David Rodríguez, salientou, nunha entrevista en Radio Líder Santiago, que esta edición chega “nun momento no que falar de Palestina é falar dun xenocidio”. Lembrou que a UNRWA, entidade á que se destinarán os fondos recadados, “é un auténtico salvavidas porque garante o máis básico: saúde, educación, atención social ou recollida do lixo en campos de refuxiados e en Gaza”. Rodríguez advertiu que a crise actual “non é só froito dos últimos dous anos, senón dunha herdanza de décadas, dun conflito enquistado desde 1948”.

No concerto do día 9 participarán Ruxe Ruxe, Wöyza, Mondra, Monoulious DOP e o grupo palestino Watani, que abrirá o evento con danzas tradicionais. Rodríguez destacou que a cita “non é só música, senón unha celebración da vida e da cultura fronte á destrución e a dor, unha oportunidade de tender pontes entre Galicia e Palestina”.

A produtora do evento, Ana Rodrígues, definiu Amal por Gaza como “un minifestival solidario que mestura música, compromiso e cultura”. Agradeceu aos grupos a súa entrega altruísta e engadiu: “non podemos permanecer calados diante dun xenocidio que nos factura como humanidade”. Como novidade nesta segunda edición, destacou, que haberá tamén unha tirada especial de camisetas solidarias dispoñibles só no concerto.

A programación continúa coa Semana de Cine Euroárabe Amal, que este ano estará dedicada en exclusiva a Palestina. No Teatro Principal proxectaranse filmes con protagonistas, directores e actores palestinos, e haberá coloquios para debullar a realidade actual. Ademais, o día 7 de outubro proxectarase un documental na Facultade de Ciencias Políticas, seguido dun coloquio con estudantes palestinos.

A oferta complétase cunha exposición de fotografía documental sobre Gaza, que se poderá visitar en outubro e novembro, e cun debate o 31 de outubro na Facultade de Comunicación sobre o papel do xornalismo no conflito. “Queremos que Compostela sexa un espazo de reflexión e de solidariedade, sobre todo entre a mocidade universitaria”, indicou Rodríguez.

As entradas para o concerto teñen un prezo de 15 euros e xa están dispoñibles na web da Sala Capitol na tenda compostelá A Reixa Matrioska e no despacho de billetes o propio día. A organización anima a mercar con antelación, xa que se prevé unha alta demanda: “todo suma, e esta é unha oportunidade de achegarnos un pouco máis ao pobo palestino a través da cultura e da solidariedade”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *