AD

Actualidad

Muxía promocionará en FITUR a I Semana de Exaltación do Percebe

today20 enero, 2025

Fondo
share close
AD
  • O evento nace coa vocación de “poñer en valor e preservar a identidade muxiá” vinculada á cultura, tradición e natureza, elementos englobados no lema ‘Percibe Muxía’.
  • Durante varios días, a vila acollerá actividades vinculadas ao medio ambiente, á sustentabilidade do recurso marítimo ou á figura da muller do mar, ademais de degustacións de produto.
  • O alcalde, Javier Sar, e a deputada de Cultura e Turismo, Sandra Vilela, manterán durante tres días reunións con axentes turísticos na feira internacional de Madrid para expor este proxecto vinculado a “percibir Muxía”.

Muxía, 18 de xaneiro de 2025  –   O Concello de Muxía presentará a vindeira semana en FITUR, a Feria Internacional de Turismo celebrada en Madrid, a súa nova aposta turístico-cultural: a I Semana de Exaltación do Percebe. O novo goberno local impulsou a creación deste evento coa fin de “poñer en valor e preservar a identidade muxiá” vinculada á cultura, tradición e natureza. Así o destaca a concelleira de Cultura e Turismo, Sandra Vilela, que estará presente en FITUR xunto co alcalde, Javier Sar.

“Trátase dun evento máis cultural. Queremos que tanto a nosa veciñanza como as persoas que nos visiten gocen deses días a través de numerosas iniciativas para dar a coñecer a nosa cultura e tradición. Pretendemos preservar a esencia da nosa identidade, do que é Muxía. Por iso escollemos o lema ‘Percibe Muxía’, xa que encaixa tanto pola súa similitude co percebe como polo sentido do que buscamos transmitir a través desta experiencia”, explica Vilela.

Deste xeito, durante as datas da I Semana de Exaltación do Percebe -aínda por desvelar-, Muxía acollerá diversas actividades vinculadas a potenciar necesarios valores relacionados co medio ambiente, a sustentabilidade do recurso marítimo ou a figura da muller do mar. “Tamén haberá, por suposto, degustacións de produto. Pero esas catas non serán o fío condutor. Non queremos crear unha festa gastronómica”, apunta a responsable de Cultura e Turismo. Así, os tres eixos sobre os que a I Semana de Exaltación do Percebe se sustenta son a “valoración da identidade e cultura, o coidado e a sustentabilidade da natureza e o papel da muller de xeito especial no mundo do mar”.

O rexedor e a responsable das áreas de Cultura e Turismo xa teñen concertadas reunións con diferentes axentes turísticos presentes en FITUR para explicarlles este novo proxecto, que comeza a vertebrar “un xeito diferente de promover o turismo máis pensado e mimado, que fuxa das aglomeracións porque si”. Ambos os dous representantes do goberno local estarán en Madrid entre o mércores 22 e o venres 24 de xaneiro para formalizar eses encontros. Ademais, o Concello de Muxía tamén terá a súa presenza no espazo turístico de Galicia.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%