Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 octubre, 2025
O cine en galego acende pantallas en Padrón. Do 17 ao 19 de outubro, o municipio acolle a primeira edición de FOCO, a Mostra de Cinema Galego, unha iniciativa do colectivo homónimo en colaboración co Concello de Padrón, que busca dar visibilidade ao audiovisual feito na nosa terra. A mostra non é un festival competitivo, senón unha exhibición que aposta polo achegamento do cine á cidadanía, e que nesta edición inaugural inclúe proxeccións sobre Castelao, Luz Fandiño, Altri e actividades infantís.
Anxo Arca, alcalde e concelleiro de Cultura, amosou entusiasmo polo proxecto: “Tiñamos moito teatro e exposicións, pero faltábanos o audiovisual. FOCO vén cubrir esa eiva con calidade e vocación de continuidade”. A implicación institucional e social foi inmediata: “Sumáronse entidades como a Fundación Rosalía de Castro, o Grupo Cortizo e mesmo os comercios locais, que acollen unha exposición de carteis antigos de cine”, explicou.
Ismael Romarís, presidente do colectivo FOCO, insistiu na filosofía da mostra: “Non queremos premiar, senón mostrar. É unha exhibición para achegar o cine feito aquí a quen non adoita velo”. Pola súa banda, Fernando Rodríguez, tamén membro do colectivo, explicou unha programación intensa: a estrea da película “Antes de Nós”, con presenza do seu guionista Pepe Coira; a proxección do documental sobre Luz Fandiño e outro sobre o conflito de Altri, así como un espazo de curtas para nenos e un concerto de Leo de Matamá.
Todas as actividades son gratuítas, ata completar aforo, e repartiranse entre o Campus Tecnolóxico Cortizo, a Casa de Rosalía e o Auditorio Municipal. Como recoñecemento, entregarase o primeiro FOCO de Honra á actriz Mabel Rivera pola súa traxectoria. “É un evento pequeno, pero moi digno, e sobre todo cunha visión de futuro que nos ilusiona”, destacou Romarís.
O propio alcalde salientou o carácter simbólico das películas elixidas: “Castelao é unha figura que todo o mundo debería redescubrir. Pensamos que o coñecemos, pero non é así. A película emociona e fai querer saber máis”. Sobre o documental de Altri, foi claro: “Estamos directamente afectados. Non podemos permitir que se envenene a auga que nos dá vida”.
FOCO nace así cun duplo obxectivo: promover a cultura galega dende o local e crear un espazo de encontro e reflexión sobre o que somos e o que queremos ser. “Estamos nun boom cultural galego, tamén no audiovisual. Padrón tiña que sumarse a ese movemento”, concluíu Arca.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)