Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 julio, 2024
A Rapa das Bestas de Sabucedo, en A Estrada, avanza cara aos seus cinco primeiros séculos de vida documentados e acaba de ser declarada Ben de Interese Cultural. Paulo Vicente Monteagudo, presidente da Asociación de Rapa das Bestas de Sabucedo, celebrou este novo recoñecemento nos micrófonos de Radio Líder Santiago, destacando a importancia desta tradición para a memoria colectiva dos galegos e galegas.
Esta festividade, de Interese Turístico Nacional e Internacional, é agora catalogada como BIC Inmaterial por tratarse dunha manifestación preservada de xeito tradicional por unha comunidade que traballa durante todo o ano no coidado dos cabalos, máis alá de baixalos ao curro e ceibalos de novo no monte.
O programa da Rapa das Bestas deste ano inclúe numerosas actuacións musicais e comezará este xoves 4 de xullo cunha gala de honor para os aloitadores ás 21.00 horas. O día 5 haberá unha misa ás 06.30 por San Lourenzo, patrón de Sabucedo, seguida da saída dende O Celeiro para buscar aos equinos. Ás 20.00 horas, pasacalles con A Tralha da Terra de Montes e, media hora despois, o Festival RapaSons con Roi Casal, O Sonoro Maxín, A Quinkillada e Adri Cumbia (DJ).
O sábado 6, o primeiro curro será ás 19.00 horas seguido dunha verbena con Miramar e América. O domingo 7, o segundo curro será ao mediodía e a verbena con New York e Los Coleguitas. O luns día 8, o terceiro curro terá lugar ao mediodía, incluíndo visitas guiadas pola zona. Aínda quedan entradas para asistir o curro do luns.
Paulo Vicente Monteagudo, profesor e presidente da asociación dende 2019, recorda con nostalxia as súas primeiras experiencias coa Rapa das Bestas, destacando a importancia desta tradición na súa vida e na da comunidade de Sabucedo. Explica que a Rapa é un traballo de todo o ano, non só os tres días do evento, involucrando o coidado dos cabalos e do monte, así como a organización de actividades complementarias.
Monteagudo subliña as ameazas que enfronta a Rapa, como a despoboación do rural ou os parques eólicos, que poderían afectar negativamente aos cabalos e ao seu hábitat. Ademais, sinala que o relevo xeracional é un desafío importante para o futuro da Rapa, o cal a día de hoxe está garantido, esperando que a declaración como BIC axude a protexer e profesionalizar esta tradición.
Outro dos datos que compartiu coa audencia reflicte no descenso preocupante no número de bestas. Nos anos 90 había en toda Galicia 22.000 bestas e agora quedan en torno a 10.000. E no caso de Sabucedo, tamén na década dos noventa había en torno a 700 bestas e agora rondan as 400. Lembrando que moitas bestas morreron nos fatídicos incendios do 2006. Tamén culpa deste datos aos cuatreiros, os ladróns de reses e gando, especialmente bestas, que actúan nos montes galegos.
Paulo Vicente, ademais do seu compromiso coa Rapa, é un apaixonado da música e toca en varios grupos. Reside en Cedeira durante a semana, onde exerce como profesor de música no IES Punta Candieira, e pasa os fins de semana nos montes de Sabucedo.
A entrevista completa no seguinte enlace.
Written by: Líder Redacción
a estrada BIC cultura Entrevista galicia radio lider santiago rapa das bestas sabucedo
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)