O Monbus Obradoiro lanza a súa campaña de abonados para a tempada 2025-2026 baixo o lema “Nós non faltamos”, unha mensaxe que reflicte, un ano máis, o compromiso mutuo entre o club e a súa afección. A misión está clara: seguir facendo do Sar un fortín e manter viva a paixón que converte cada partido na casa en moito máis ca baloncesto.
Este sentimento compartido refórzase co lema “Eu non falto”, que estará presente en cada abono como símbolo do compromiso individual de cada seareiro. Porque cada voz conta, cada asento ocupado suma, e cada abonado forma parte dunha mesma historia: a do Obradoiro, un club que non se entende sen a súa xente.
Período de renovacións
A campaña de abonados comezará o luns 16 de xuño de 2025 ás 10:00 horas. A partir dese momento, calquera abonado da pasada tempada poderá renovar o seu abono mantendo o mesmo asento. No caso de non renovalo antes do 3 de xullo de 2025, o asento quedará liberado e dispoñible para o resto do público. Ademais, desde o 16 de xuño, calquera persoa poderá facerse nova abonada escollendo un sitio libre.
Prezos
O prezo do teu abono dependerá da zona e tarifa correspondente: Xeral, Baby (0-4 anos), Infantil (5-12 anos), Xuvenil (13-17 anos), Maiores de 65 anos ou Reducida.
Os nenos de 0 a 4 anos poden acceder aos partidos sen necesidade de abono, sempre que non ocupen asento. Con todo, para garantir a comodidade tanto dos pequenos como das familias, segue dispoñible o Abono Baby, cun prezo moi especial, que inclúe asento e todos os beneficios de ser abonado.
Como noutras ocasións, o Monbus Obradoiro ofrecerá un prezo reducido a:
Persoas en paro durante máis de 6 meses (vida laboral actualizada),
Estudantes menores de 26 anos (carné de estudante, matrícula ou certificado do centro de estudos),
Federados en baloncesto (licenza federativa).
Este prezo especial non é compatible co desconto por renovación ou por ser antigo abonado.
Descontos
Sobre o prezo de cada abono poderanse aplicar os seguintes descontos:
Abonados tempada 2024-2025: 15 % (ata o inicio da competición).
Abonados de tempadas anteriores á 2024-2025 (desde a 2011-2012): 5 %.
Unha vez aplicados estes descontos, poderanse sumar os seguintes, compatibles entre si:
Familiar: Con só dúas persoas xa se aplica un desconto (matrimonio, pai/filla/o, nai/filla/o e/ou dous irmáns/as. Os fillos/as e/ou irmáns/as deben ser menores de 26 anos), e poden estar situados en zonas diferentes do pavillón. A medida que se vaian sumando membros, iranse acumulando descontos adicionais. Así, o segundo membro en facerse abonado gozará dun 10 % de desconto, o terceiro dun 20 %, o cuarto dun 30 %, o quinto dun 40 %, o sexto dun 50 %, o sétimo dun 60 %, o oitavo dun 70 % e o noveno dun 80 %. Estes descontos aplicaranse segundo a idade (tarifa Baby, Infantil, Xuvenil, Maiores de 65 ou Xeral) e o sector do pavillón no que se atopen.
Fidelidade: 5 % por ter sido abonado cinco tempadas.
Asistencia: 5 % por asistir aos 17 partidos da tempada 2024-2025.
Trae un amigo:
O recomendado ten un 5 % de desconto (non acumulable co de tempadas anteriores).
O recomendador, se aínda non renovou, terá un 5 % nesta tempada e outro 5 % na seguinte.
Se xa renovou, terá un 10 % na seguinte tempada.
Se o amigo tamén renova a seguinte tempada, ti recibirás outro 5 % adicional. Este desconto aplícase por cada amigo que traias e poderías chegar a ter o abono gratis.
Doazóns á Fundación Obradoiro: 100 € de desconto no abono e 50 € en entradas da tempada 2025-2026 por cada doazón de 150 € (con dedución fiscal do 40 % ao 80 %, entre 60 € e 120 €).
O prezo final será en euros sen decimais.
Como renovar?
Tes dúas opcións para renovar o teu abono:
A través da web, accedendo co teu usuario e contrasinal:
Tarxeta de crédito/débito (excepto American Express).
Efectivo.
Financiamento de 3 a 9 meses sen xuros (suxeito á aprobación da entidade financeira e gastos de xestión).
Condicións do abono
A formalización e o pagamento do abono dan dereito ao seu titular a ocupar o asento especificado no carné nos partidos que se celebren no Multiusos Fontes do Sar, co Obradoiro como local, durante a Liga Regular «Primeira FEB», independentemente do número de equipos que a compoñan.
O abono non inclúe a entrada a partidos de Playoff nin a ningún outro encontro fóra da Fase Regular da Liga «Primeira FEB» que se dispute en Santiago co Obradoiro como local.
A organización non se responsabiliza pola perda ou subtracción do abono. O acceso ao pavillón farase co carné en formato Passbook, que se pode descargar e abrir con calquera das aplicacións dispoñibles, como Apple Wallet para iOS e Passwallet para Android.
A duplicación non autorizada ou a revenda deste produto pode impedir o acceso ao partido, así como supoñer a retirada do abono.
Condicións de acceso ao recinto: segundo o disposto na Lei 19/2007 do 11 de xullo contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, no seu artigo 6.
A organización poderá negar a entrada a aquelas persoas que non amosen a súa identificación e o abono, ou cuxo abono presente signos de falsificación ou manipulación non autorizada.
Non se permite recoller datos estatísticos en directo dos partidos comprendidos neste abono para o seu uso con fins comerciais nin distribuílos a terceiros sen autorización expresa da Federación Española de Baloncesto.
Reservado o dereito de admisión.
A adquisición do abono implica a aceptación do Regulamento Interno do recinto deportivo: “Pavillón Multiusos Fontes do Sar”.
Se a normativa vixente en cada momento limitase o aforo para algún partido, os abonados poderán ser reubicados, procurando que sexa nunha localidade da mesma categoría.
En caso de restricións de aforo, os abonados terán preferencia de acceso fronte á venda de entradas en billeteira.
Comentarios de las entradas (0)