AD

Actualidad

Nove asociacións denuncian ante a Valedora o sistema de “buzón” de Sanidade

today12 junio, 2025

Fondo
share close
AD

 Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025.- Nove entidades representativas de pacientes e persoas usuarias do sistema público de saúde galego presentarán este venres, 13 de xuño, unha queixa colectiva ante a Valedora do Pobo contra a Consellería de Sanidade. A denuncia céntrase na implantación xeneralizada do sistema coñecido como “buzón” para a asignación de citas en consultas externas e probas diagnósticas, que consideran unha grave vulneración dos dereitos dos pacientes.

As organizacións asinantes —entre as que figuran entidades como FADEMGA, AGADEA Alzheimer, ASOTRAME ou a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS— acusan á Consellería de substituír, de forma opaca e sen respaldo legal, as axendas estables por un modelo virtual no que as citas deixan de estar fixadas con antelación. “Vivimos nunha constante incerteza, sen saber cando nos van chamar nin con que marxe, e moitas veces recibimos a notificación o día antes ou mesmo o mesmo día da consulta”, denuncian.

Segundo explican, o sistema vulnera a Orde do 13 de xullo de 2004, que regula o control da actividade programada nas consultas externas dos hospitais do Servizo Galego de Saúde. Dita norma establece que non deben existir pacientes en espera de data de cita e que o persoal facultativo debe poder fixar unha data concreta, algo que xa non se está a cumprir.

As entidades denuncian tamén que o sistema é “profundamente opaco”, que non permite coñecer o lugar que ocupa cada paciente na lista de espera nin os criterios seguidos para asignar as citas. Alertan de que esta situación está a xerar sufrimento físico e psíquico, especialmente en persoas con enfermidades tempo-dependentes, e está a deteriorar a equidade no acceso á sanidade pública.

Asociacións reclamantes:

  • Asociación Saúde Mental A Creba Barbanza

  • Asociación Galega de Persoas Amputadas (AGAPA)

  • Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

  • Asociación Dano Cerebral Compostela

  • FADEMGA

  • Grupo de Coidadores/as da Escola de Familias de AGADEA Alzheimer

  • Querendo, Mulleres con Endometriose

  • Unión Galega de Epilepsia (UGADE)

  • ASOTRAME

Demandas principais:

  1. O restablecemento do sistema legal de xestión de citas, segundo o modelo da Orde de 2004.

  2. A creación dun procedemento similar para probas diagnósticas, baseado na estabilidade das axendas e a inexistencia de pacientes sen cita asignada.

As asociacións agardan que a Valedora do Pobo actúe con urxencia e instan á Consellería de Sanidade a garantir un sistema transparente, legal e centrado no respecto aos dereitos das persoas usuarias.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *