AD

Actualidad

Novo caso de abandono asistencial: 235 días en espera para unha intervención cirúrxica maxilofacial

today16 julio, 2024

Background
share close
AD

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS quere facer público o testemuño de V.M.A.P., paciente de cancro en remisión, con sonda nasogástrica e placa metálica de contención facial, que padece o abandono asistencial do servizo de cirurxía oral e maxilofacial.

“Son paciente oncolóxico en remisión de cancro de lingua, operado hai case 3 anos. Teño instalada unha sonda nasogástrica e foime realizada unha traqueotomía. Agora estou atendido polo servizo de cirurxía maxilofacial do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Despois de cirurxías e tratamentos, e diagnosticada osonecrose, substituíronme a placa de titanio que tiña colacada na mandíbula inferior que pechan con moitos puntos, que foron abrindo, de xeito que permiten que emerxa a placa. Hai meses que se decide extraela con cirurxía ambulatoria, xa que me corta o mentón por varios sitios e sae fóra, producindo infección da zona. Os parafusos fan que se me inflame a cara e  provócanme moita dor. Nesta situación levo case 8 meses, desde o 22 de novembro do 2023, data na que quedo incorporado na lista de espera estrutural con prioridade 3. 

O anestesista, para realizar a operación, non prescribe a retirada da medicación que tomo por un ictus que sufrín hai 6 anos. Despois de insistirlle telefonicamente ao cirurxián para que programe a intervención (que por certo, sempre devolve as chamadas), esta finalmente queda fixada e, cando xa estou preparado para entrar no quirófano, suspéndese por risco de sangrado ao non ser retirada, 4 ou 5 días antes, a medicación para o ictus. 

O cirurxián solicita quirófano para a primeira semana de xuño. Pasan catro semanas sen que me fixen a data da intervención e, en comunicación con el, coméntame que non lle dan quirófano. O peor é que vai de vacacións 15 días e eu nesta situación, padecendo moita dor provocada pola placa, que segue cortando o mentón e inflamando a cara. En honor á verdade, teño que dicir que o trato co cirurxián foi moi humano e que, a pesar da súa insistencia, non depende del a disposición do quirófano. Espero esta situación de abandono asistencial, que excede do que cabe considerar como tolerable, se coñeza e se poña fin ao meu martirio”.

O punto 6 do anexo III da Orde do 19 de maio do 2003 literalmente establece que “O Servizo Galego de Saúde garante que o tempo máximo de espera estrutural (non debida a causas médicas ou á decisión do paciente) nas intervencións cirúrxicas sexa de 180 días naturais“. O relato de V.M.A.P. acredita que está padecendo a vulneración do seu dereito a ser atendido dentro do prazo máximo fixado pola citada Orde e soporta unha demora de 55 días respecto da data máxima de intervención (o 20 de maio do 2024), sendo previsible que aumente ao non constar que o seu cirurxián de referencia fora substituído durante o período de vacacións anuais.

O abandono asistencial que padece V.M.A.P. estalle xerando dor e deterioración física, que non é compatible coa vida digna. A súa situación, así como a de todas as persoas que non son atendidas dentro dos prazos fixados clinicamente, ten como responsables directos á xerencia do CHUS e o SERGAS, que seguen xestionado a sanidade pública á marxe dos criterios médicos e dos dereitos recoñecidos aos pacientes, producindo con iso dano físico e moral que só poden ser obxecto de rexeitamento social.

Requirimos publicamente que a V.M.A.P. se lle realice a operación prescrita, dotando para isto os medios adicionais necesarios, e, unha vez mais, esiximos que se respecten os tempos máximos de espera previstos no vixente ordenamento xurídico para todos os pacientes que requiren unha intervención cirúrxica.

 

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%