AD

Actualidad

O 5º Festival de Acordeóns “Música no Camiño” celebrarase o 14 de marzo na Estrada

today26 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello da Estrada acolleu esta mañá a presentación oficial da quinta edición do Festival de Acordeóns “Música no Camiño”, unha cita cultural xa consolidada que cada ano reúne a centos de espectadores arredor da música e do acordeón.

No acto participaron o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o deputado provincial Jorge Cubela, que estiveron acompañados por integrantes da formación musical Os Lóstregos. Durante a presentación, destacouse a importancia deste festival como dinamizador cultural e como escaparate do talento musical vinculado a un instrumento con fonda tradición en Galicia.

O festival celebrarase o vindeiro sábado 14 de marzo no Teatro Principal da Estrada, con dous pases programados ás 17.30 e ás 20.30 horas. O prezo da entrada será de 10 euros e xa poden recollerse no Departamento de Cultura do Concello da Estrada, en ACAE, Mesón A Estrada e Confitería Mimela. A organización informa de que non haberá venda na billeiteira o propio día do evento.

O cartel desta quinta edición está composto polo Grupo de Acordeóns Acorde Son do Verdugo, a Orquesta de Acordeones Isidro Larrañaga, Os Lóstregos —coa súa cantante Marietta—, o acordeonista portugués Antonio Charrinho e contará ademais coa colaboración especial da Asociación Cultural Música Tradicional de Barbude.

A presentación do evento correrá a cargo de Noelia Rodríguez, que será a encargada de conducir unha xornada que promete variedade de estilos, talento e unha firme aposta pola posta en valor da música tradicional e contemporánea interpretada con acordeón.

Con esta nova edición, “Música no Camiño” reafírmase como unha das citas culturais máis destacadas do calendario estradense, consolidando o seu crecemento e a súa capacidade de convocatoria ano tras ano.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *