Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 noviembre, 2025
O alcalde de Oroso, Álex Doval, expresou con claridade o seu malestar pola situación do proxecto da Avenida da Grabanxa, unha obra de case un millón de euros que segue “completamente estancada” por decisións da Deputación da Coruña. Así o denunciou durante a súa entrevista en Radio Líder Santiago, na que afirmou sentirse “frustrado, decepcionado e enfadado”.
“Esta obra continúa estancada. No mes de agosto pedíronnos un levantamento topográfico, fixémolo, enviámolo e agora din que temos que rehacer todo o proxecto. É desesperante”, explicou Doval.
O alcalde lembrou que o proxecto contaba xa coa autorización da Xunta de Galicia desde maio de 2024, e que o Concello tiña comprometidos 260.000 euros —financiados a través de Augas de Galicia— para acometer as obras. Porén, a Deputación segue sen dar luz verde definitiva.
“Chaméi ao presidente da Deputación, pero non devolveu as chamadas. Non o entendo. Un alcalde debe poder falar co máximo responsable dunha institución que financia obras municipais”, criticou o rexedor.
“Isto non é un problema meu nin do meu equipo de goberno. Están en contra de oito mil persoas que viven no concello de Oroso”.
Doval insistiu en que o Concello refará o proxecto con fondos propios para evitar perder o investimento. “Xa temos encargado o novo proxecto, pero é unha vergonza. Están obrigándonos a gastar máis cartos públicos nun documento que xa fora aprobado”, explicou, denunciando que a Deputación “non respecta nin a propia lei de procedemento administrativo”, ao facer dous requirimentos sobre o mesmo expediente.
O alcalde lembra que a Avenida da Grabanxa é unha vía de titularidade provincial, polo que debería ser a propia Deputación quen redactase e licitase o proxecto. “Xa naceu mal. Non tiñamos por que facer nós o proxecto dunha estrada que non é nosa”, asegurou. A actuación prevista inclúe melloras no saneamento, abastecemento de auga e reacondicionamento integral da vía, que conecta desde a rotonda do restaurante Mirás ata o límite do núcleo urbano.
“É unha obra importantísima, un proxecto ambicioso, e non imos parar. Seguiremos reclamando o que é xusto para Oroso”, concluíu Doval.
Ademais da polémica coa Deputación, o alcalde aproveitou a entrevista para destacar que o Concello presentará orzamentos por 9 millóns de euros para 2026, dos cales 3,3 millóns irán a inversións reais, e confirmou que non se subirán impostos nin taxas municipais. Tamén anunciou a inauguración da Praza Isaac Díaz Pardo o 5 de decembro, coincidindo co acendido de Nadal.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)