Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 mayo, 2024
Ames, 8 de maio de 2024.– A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu onte a segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas. O evento foi organizado por Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas en colaboración co Concello de Ames e e coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Con esta actividade, a entidade brindou recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións, publicacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas de Galicia. As fotos da gala foron realizadas por Miguel Lamas. Pódese acceder á galería do evento nesta ligazón.
No acto, conducido pola actriz María Bañobre caracterizada coma o seu personaxe no espectáculo Deadpan Karaoke, estiveron presentes o alcalde e concelleiro de Cultura do Concello de Ames, Blas García, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.
Durante a gala, o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, agradeceu o traballo que realizan todas as persoas vencelladas á escena galega, “porque a cultura é un elemento fundamental e é grazas a elas que podemos desfrutala”. Así mesmo, fixo unha mención especial ao persoal técnico dos departamentos municipais de Cultura que traballan para achegar a cultura a todos os recunchos dos seus municipios.
Entre as axentes recoñecidas nesta edición, destacou a distinción como nova socia de Honra da Asociación a Títeres Cachirulo ou unha mención especial á revista Erregueté, publicación especializada en escénicas referencial no país, na categoría “Longa travesía no deserto”. Así mesmo, Madó Santos (ex-técnica de cultura, xubilada, do Concello de Muros) recibiu recoñecemento sectorial á súa traxectoria por “Toda unha vida a sachar”.
A Casa Vella de Amiadoso obtivo o recoñecemento de proxecto “Do rural ao universal” polo seu traballo en prol da dinamización das artes escénicas na contorna non urbana. Tamén houbo unha mención especial “ao compromiso feminista entre caixas” para Fátima Rodríguez-Consultora Promove e o recoñecemento “Ás pioneiras da escaleira e do patch”, para Ana Díaz Calvo, profesional técnica de iluminación e de son.
Os recoñecementos
A comisión seleccionou categorías aglutinadoras que recollesen a vontade de Escena Galega de poñer en valor o traballo realizado polas persoas, entidades e axentes recoñecidos. Así, quere destacar o traballo e contribución de:
A comisión de selección
A comisión encargada de seleccionar ás persoas e entidades recoñecidas estivo composta por Patricia de Lorenzo González (Chévere Teatro, presidenta de Escena Galega) e Diego Vázquez Meizoso (xerente da asociación), en calidade de secretario -con voz mais sen voto-. Tamén se convidou a outras dúas persoas alleas á entidade co obxectivo de asegurar unha maior imparcialidade e diversidade nos criterios. Cristina Domínguez Dapena (profesora da ESAD, directora escénica e ex-directora do Centro Dramático Galego) e Antonio Porteiro Domínguez (responsable técnico do Pazo da Cultura de Carballo) foron as encargadas de aportar unha visión externa na selección de persoas e iniciativas candidatas a recoñecemento.
A peza dos recoñecementos
Tal e como se estipulou na primeira edición deste evento, Escena Galega encargou a peza física dos recoñecementos a distintas creadoras e creadores galegos, dándolles total liberdade para que o recoñecemento sexa orixinal e diferente en cada edición. Este ano asumiu a encarga Esther Quintas, artesá e ceramista viguesa, que deseñou as pezas entregadas en todas as categorías.
Escrito por Líder Redacción
agadic ames Artes Escénicas cultura escena galega galicia milladoiro radio lider santiago recoñecementos
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)