Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 enero, 2026
A Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Alzheimer (AGADEA) foi protagonista dunha extensa entrevista en Radio Líder Santiago, conducida polo xornalista Álvaro Veiga, na que se abordou o traballo diario da entidade e a súa aposta pola cultura como ferramenta de concienciación social. Na conversa participaron Jonás Candalija, responsable de comunicación de AGADEA, e Tania Fuegho, directora da escola de artes escénicas MiMarte e impulsora do musical solidario Non estamos tolas.
Durante a charla, Jonás explicou o papel fundamental que desempeña AGADEA no acompañamento das persoas con Alzheimer e das súas familias, destacando que “non só traballamos cos enfermos, senón tamén cos familiares, que son unha parte esencial e que moitas veces precisan tanto apoio como a persoa diagnosticada”. A asociación desenvolve a súa actividade en diferentes puntos de Galicia, como Santiago, Barbanza ou Pontevedra Norte, con programas terapéuticos, centros de día e servizos de atención integral.
Un dos eixos máis salientados da entrevista foi a atención ás persoas coidadoras. “Cando chega un diagnóstico de Alzheimer ou outra demencia, as familias están perdidas. AGADEA convértese nese primeiro lugar ao que chamar, nun punto de información e acompañamento”, explicou Jonás. Neste sentido, puxo en valor a Escola de Familias, un recurso estable no que se traballa o apoio emocional, a formación e a empatía. “Cuidar os coidadores é tan importante como tratar a enfermidade”, subliñou.
A conversa tamén abordou o avance do Alzheimer, xa considerado unha das grandes enfermidades do século XXI. Desde AGADEA lembraron que cada vez se detectan máis casos en persoas relativamente novas, mesmo arredor dos 50 anos, o que fai imprescindible reforzar tanto a atención directa como a investigación. “Traballamos en colaboración con institucións científicas como o CIMUS porque a investigación é prioritaria”, indicou o responsable de comunicación da entidade.
Neste contexto de compromiso social xorde o musical solidario Non estamos tolas, presentado por Tania Fuegho, quen explicou que a obra naceu como unha creación colectiva do alumnado adulto da súa escola de teatro musical en Ribeira. “É un musical inédito, con moito humor, retranca galega e música adaptada de artistas coñecidos, pero sempre ao servizo dunha historia que conecta co público”, sinalou. A creadora definiu o espectáculo como “un cabaré da aldea”, no que a risa convive cunha pequena crítica social.
Tania destacou ademais o valor terapéutico das artes escénicas, lembrando a súa colaboración coa Escola de Familias de AGADEA mediante obradoiros de teatro musical para persoas coidadoras. “O teatro non é só formación artística, tamén é terapia, desconexión e un espazo onde as persoas poden coidarse”, afirmou, reivindicando a importancia de mirar tamén a quen sostén o día a día da enfermidade.
O musical representarase o sábado 24 de xaneiro, ás sete da tarde, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, con entradas solidarias a un prezo de 10 euros. Desde AGADEA fixeron un chamamento á cidadanía para apoiar esta iniciativa: “Nós estamos todos os días do ano acompañando ás familias; só pedimos que este sábado a xente estea connosco”.
Escrito por Líder Redacción
agadea alzheimer auditorio de galicia musical solidario non estamos tolas solidaridade


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)