AD

Actualidad

“O balonmán é un deporte pouco coñecido en Santiago, pero engancha a quen o proba”

today17 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O presidente do Balonmán Ribadosar, Ezequiel Álvarez, sinalou nunha entrevista en Radio Líder Santiago que son o único club da cidade nesta disciplina e que buscan consolidar a sección feminina e recuperar as categorías xuvenil e sénior

O presidente do Club Balonmán Ribadosar, Ezequiel Álvarez, explicou en Radio Líder Santiago nunha entrevista con Sara Garea que a entidade afronta unha nova etapa con dous grandes retos: afianzar a sección feminina e recuperar as categorías xuvenil e sénior. “Este ano dános pena porque non podemos ter un equipo xuvenil nin sénior en competición, pero queremos mantelos adestrando para recuperalos a próxima tempada”, apuntou.

Álvarez chegou á presidencia no mes de xuño deste ano, aínda que xa formaba parte da directiva. Subliñou que o club, fundado no 2012, funciona grazas á implicación das familias: “Somos nais e pais de xogadores que asumimos a responsabilidade porque queremos que os nosos fillos crezan como persoas e como deportistas”.

Na actualidade, o Ribadosar é o único club de balonmán de Santiago e conta con equipos desde benxamín ata cadete, tanto en categoría masculina como feminina. O presidente detallou que a directiva está formada por 12 persoas, que o club ten arredor de 100 socios e que o ano pasado sumaron 120 fichas de xogadores e xogadoras dende os 6  anos, unha cifra que agardan repetir ou poder ampliar na nova tempada.

Para Álvarez, a clave está no ambiente participativo: “Nas categorías de base todos xogan, todos pasan pola portería e todos teñen minutos. O importante é que disfruten aprendendo balonmán e os valores de compañeirismo”. Nesa liña, relatou unha das experiencias máis emotivas da pasada tempada: os xogadores alevíns levaron impresas as caras de dous compañeiros que non puideron asistir a unha fase final, para aparecer todos xuntos na foto. “Ese é o espírito do club: que ningún neno quede atrás”, destacou.

Ademais, Álvarez fixo fincapé nas características do balonmán como deporte. “Non require habilidades especiais para comezar e permite desenvolver psicomotricidade, coordinación e valores de equipo”, explicou, animando ás familias a aproveitar as portas abertas para que todas as persoas que o desexen poidan probar.

As necesidades do club

O máximo responsable recoñeceu que as principais dificultades son a falta dunha liga local e o custo dos desprazamentos, que o club tenta paliar cun convenio cunha empresa de autobuses. Tamén pediu maior apoio institucional e empresarial: “O fundamental é manter as instalacións en bo estado e dispoñer de horas de pavillón. Ademais, buscamos patrocinios para cubrir os gastos de desprazamento e remunerar o traballo dos adestradores”.

Portas abertas neste mes de setembro

Durante este mes de setembro, o club celebra as súas tradicionais xornadas de portas abertas no pavillón de Quiroga Palacios. A actividade é gratuíta e permite que nenos e nenas de todas as idades poidan probar o balonmán por primeira vez.

Segundo explicou Álvarez, basta con cubrir un formulario dispoñible na web do club para acceder aos adestramentos adaptados a cada categoría. “Recoméndoo sempre: os rapaces  que proban o balonmán gustan del e queren seguir”, asegurou.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *