Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A veciñanza de Santa Marta poderá elixir unha mascota para o seu barrio, nun concurso organizado polo Centro Sociocultural de Santa Marta en colaboración coa Asociación Veciñal Vedesma. Trátase dunha iniciativa que procura «fomentar a creatividade e axudar a explorar a identidade de barrio», tal e como explicou o concelleiro Xan Duro.
O edil responsable de Centros Socioculturais presentou o concurso nunha rolda de prensa na que tamén participaron Sandra Quintana, animadora sociocultural do CSC de Santa Marta; Maruxa Guitián, da AVV Vedesma, e Javier Debén, alumno do Prácticum II de Educación Social que traballou na proposta. Os catro coincidiron na necesidade de afondar no sentimento de comunidade en Santa Marta, «un barrio relativamente novo, con moitos veciños e veciñas que nin sequera naceron en Santiago e que non acaban de ter vínculo emocional co seu barrio».
No concurso «Buscamos a identidade do barrio de Santa Marta» poderá participar calquera persoa, resida ou non no barrio, que queira propoñer unha mascota que represente a Santa Marta. A obra pode ser realizada baixo calquera técnica artística e utilizando diferentes materiais, e a que resulte gañadora deberá ser cedida de maneira gratuíta para a súa utilización nas accións de promoción que se consideren oportunas. As propostas pódense presentar ata o 12 de abril, presencialmente na conserxería do CSC de Santa Marta ou de xeito telemático no correo electrónico cssantamarta@santiagodecompostela.gal.
O xurado para elixir a obra gañadora estará composta por Sandra Quintana, Maruxa Guitián e Javier Debén, e as obras que entren no concurso poderían ser expostas ao público no propio centro sociocultural de Santa Marta.
Written by: Líder Redacción
barrio compostela mascota radio lider santiago santa marta santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)