AD

Actualidad

O BNG condena as novas sancións de Estados Unidos contra Cuba baixo a administración Trump

today3 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

Santiago de Compostela, 3 febreiro 2026.- A Executiva do Bloque Nacionalista Galego (BNG) amplía a súa condena anterior para denunciar enerxicamente as dúas novas e graves medidas adoptadas polo goberno dos Estados Unidos baixo a administración de Donald Trump, que representan unha perigosa escalada da política de asfixia económica e agresión contra a República de Cuba.

A Executiva nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) manifesta a súa máis firme e rotunda condena polo recente aprofundamento do bloqueo económico, comercial e financeiro contra a República de Cuba por parte do goberno dos Estados Unidos de América.

Denunciamos:

–Que a Orde Executiva asinada o 29 de Xaneiro de 2026, e o bloqueo petroleiro, que baixo o pretexto dunha falsa «emerxencia nacional», declara a Cuba unha «ameaza inusual e extraordinaria» para a seguridade dos EUA. O obxectivo práctico desta medida é impoñer aranceis punitivos a calquera país que forneza petróleo a Cuba, buscando estrangular por completo unha das vías de subministración enerxética vital para a illa. Esta acción é un chantaxe descarado á comunidade internacional, unha violación do dereito internacional e un ataque directo que pretende paralizar a xeración eléctrica, o transporte, a produción agrícola e os servizos sanitarios básicos do pobo cubano.

— Que a inclusión de Cuba na Lista de Estados Patrocinadores do Terrorismo, carece de toda base real. Cuba é un país de paz, cunha longa traxectoria de solidariedade e cooperación internacional. A designación como «patrocinador do terrorismo» impón sancións financeiras extraterritoriais que paralizan o comercio e o investimento internacional con Cuba, impedindo transaccións bancarias e créditos, e agravando a crise económica.

— Que estas medidas, insírense nunha política de máis de seis décadas de asfixia sistemática ao pobo cubano, constitúe un acto de clara violación do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas. O bloqueo é un castigo colectivo que atenta directamente contra os dereitos humanos máis básicos da poboación civil, limitando o seu acceso a medicinas, alimentos, recursos sanitarios e desenvolvemento económico.

O BNG considera que estas accións forman parte dunha estratexia concertada de «máxima presión» para provocar o colapso económico, xerar unha crise humanitaria artificial e forzar un cambio de réxime contra a vontade soberana do pobo cubano.

O BNG, fiel aos seus principios de solidariedade internacionalista, defensa da autodeterminación dos pobos e rexeitamento a calquera forma de imperialismo ou inxerencia, considera inaceptábel que no século XXI se manteñan e reforcen este tipo de políticas coercitivas unilaterais. Estas accións non só causan sufrimento á nación cubana, senón que vulneran a soberanía e o dereito de Cuba, como calquera outro Estado, a escoller libremente o seu sistema político, económico e social.

Diante desta situación o BNG:

1. Condena sen paliativos a orde executiva do 29 de xaneiro como un acto de guerra económica contra Cuba, que viola todos os principios do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas.

2. Rexeita absolutamente a infundada e cínica inclusión de Cuba na lista de patrocinadores do terrorismo, unha ferramenta política sen lexitimidade.

3. Fai un chamamento á Unión Europea, ao Goberno de España, á Xunta de Galiza e á comunidade internacional para que non se presten a este chantaxe, rexeiten estas medidas unilaterais e tomen accións contundentes para protexer o dereito á vida e á autodeterminación do pobo cubano.

4. Reitera a súa solidariedade inquebrantábel co pobo e o goberno lexítimo de Cuba nesta nova e difícil etapa de loita pola súa soberanía.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *